REHABILITACIÓN

Os arquitectos deseñan a recuperación das Hortas como espazo público

11/08/2006 Os participantes na Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación seguen a debater sobre oito proxectos en distintos concellos galegos. Unha desas iniciativas é a que vai recuperar As Hortas como espazo público e na que está a traballar un equipo de cinco persoas. Cando estea listo o proxecto e se leve a cabo, Compostela contará cunha superficie de hortas urbanas para o goce e utilización práctica de tódolos cidadáns.

"É a última bolsa de hortas que queda na periferia do casco histórico, xa que as demais quedaron convertidas en parques", sinala Francisco Rosell, arquitecto e un dos integrantes do equipo que deseña o futuro das Hortas. A nova área combinará a utilización como parque público con usos ocupacionais, educacionais e de formación.

Este proxecto é un dos que se está a expoñer na Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación, un curso eminentemente práctico no que están participando arquitectos, arquitectos técnicos, historiadores da arte e sociólogos procedentes de diversos lugares, mesmo de Brasil. Componse de charlas e seminarios teóricos e prácticos que teñen coma eixo integrador un Taller de proxectos, no que se desenvolven, por grupos, traballos reais en diferentes núcleos da xeografía galega.

Todos son proxectos con perspectivas de realizarse de forma inmediata e, no seu conxunto, representan un amplo abanico de situacións e problemas moi significativos dentro dos procesos de recuperación de edificacións e tecidos urbanos. Ademais do de Santiago, trabállase en proxectos nos concellos de Lugo, Ourense, Tui, Mondoñedo, Chantada, Lourenzá, Cambados e Muros.

A iniciativa enmárcase dentro do programa PAGUS, que ten como responsable en Galicia á Consellería de Vivenda e Solo. O socio local e responsable do compoñente 2 é o Concello de Santiago. Ademais, o curso conta coa participación doutros organismos, como a Universidade de Santiago, o Consorcio, o Colexio de arquitectos de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Compartir: