XUNTA DE GOBERNO

A parroquia de Angrois contará en breve con novas áreas de lecer e cunha zona de descanso para peregrinos

11/07/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, anunciou a aprobación dos proxectos para dotar á parroquia de Angrois dunha zona de descanso para peregrinos, dun parque público e doutro infantil, así como dun campo da festa e dunha pista polideportiva. Estas actuacións, sumadas a outra de construción dun almacén para a asociación veciñal, suporán un investimento duns 300.000 euros, financiados por ADIF en base a un convenio que se asinará en breve.

Mentres se concreta a data de sinatura do devandito convenio, o Concello avanzou xa na tramitación do proxecto, co obxectivo de que as obras en Angrois poidan comezar de inmediato, segundo sinalou o alcalde. Trátase, por unha banda, da construción dun campo dun recinto para campo da festa e pista polideportiva, unha obra que ten un orzamento de 151.887,79 euros e un período de execución de tres meses.

Neste mesmo prazo de tempo executarase, por un importe de 99.877,13 euros, unha zona de descanso para peregrinos, ademais dun parque público e parque infantil. Crearase unha zona de equipamentos biosaudables e unha zona de descanso que contará cun conxunto de pezas de mobiliario urbano realizado en granito pola Escola de Canteiros de Poio (Servizo da Deputación de Pontevedra). Renderase así permanente homenaxe aos veciños de Angrois.

Quedará por aprobar o proxecto de construción dun almacén, solicitado pola asociación veciñal. En total, tal como figura no convenio que se asinará proximamente, ADIF achegará uns 300.000 euros para todas estas actuacións.

Mellora da mobilidade en Vista Alegre
O alcalde anunciou tamén a aprobación pola Xunta de Goberno do proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre na súa segunda fase, que abrangue o ámbito da zona III e o túnel da rúa de Noia. Lembrou que nestes intres avanzan as a bo ritmo as obras da primeira fase, que afectan ás zonas I e II. A segunda fase ten un orzamento de licitación de 1.015.867 millóns de euros e un prazo de execución de dez meses.

Agustín Hernández apuntou respecto a esta intervención que, coa mesma, "conseguirase a accesibilidade de vehículos e peóns, así como a mellora das redes de servizos xerais. Esta actuación mellora considerablemente a imaxe urbana deste barrio da nosa cidade, humanizando os espazos públicos, coa conseguinte mellora na calidade de vida dos veciños".

Obras no parque de Bombeiros
Outro dos asuntos abordados na Xunta de Goberno foi a designación de supervisor municipal dos traballos de mellora e acondicionamento das instalacións do Parque de Bombeiros e de mellora da súa eficiencia enerxética. Despois de ter visitado na xornada de onte as instalacións, concluíu que as mesmas están nun estado "deficiente", polo que resaltou a importancia destas obras, por máis de 160.000 euros, que afectarán a ámbitos como a fachada, os vestiarios, as cocheiras ou a impermeabilización.

O alcalde comprometeuse a ter lista antes de que remate o ano unha "folla de ruta" para o futuro do Parque de Bombeiros. "Queremos ter un diagnóstico certeiro e unha proposta realista, froito dun plantexamento consensuado e á vista non só da situación de Santiago, senón da súa área metropolitana", apuntou.

Actualización da cartografía
O Goberno local adxudicou o servizo de actualización da cartografía SIG de referencia municipal a escala 1:500 no ámbito da cidade e a escala 1:1000 no resto do termo municipal, por un importe de 99.825 euros (IVE incluído). Os traballos realizaranse durante os anos 2014 e 2015.

Lembrou o alcalde que, grazas a este servizo, actualizarase a cartografía municipal tanto da cidade coma do resto do municipio, adaptándoa ao modelo BTU que se utiliza no resto do Estado. Situaranse novos cravos para a rede xeodésica local, que servirán como puntos de referencia para as diferentes medidas cartográficas. Esta adxudicación era precisa canto antes co fin de aproveitar o bo tempo para facer os voos fotográficos.

Renuncia a plans urbanísticos
Seguindo con cuestións urbanísticas, na sesión acordouse a resolución do contrato para a redacción dos plans parciais dos sectores SUD-1 (Mallou), SUD-2 (As Cancelas-A Muíña, SUD-3 (Amio Norte), SUD-5 (Amio Sur) e PU-16 (Mallou-As Cancelas), e do sistema xeral viario As Cancelas–Amio (treito camiño de Amio-Porto do Medio).

A día de hoxe quedan por executar as fases 3ª, 4ª e 5ª do contrato inicial, que supoñen o 30% do orzamento de adxudicación, o que supón unha cantidade de 118.170,01 euros. Explicou Agustín Hernández que "a aprobación dos citados plans parciais implicaría para o Concello a carga de solo que resulte cualificado para o uso de vivenda protexida en solo de promoción pública, cando a realidade é que non existe neste momento consignación orzamentaria para afrontar o pagamento da expropiación dos bens e dereitos afectados". "Doutra banda -dixo a situación do mercado inmobiliario actual e moi incerta, o que pon en dúbida o desenvolvemento do solo". En calquera caso, o Concello analizará a posibilidade doutra "alternativa viable" para estes solos.

Convenios con entidades deportivas
No eido dos deportes, a Xunta de Goberno aprobou un convenio coa Sociedade Deportiva Compostela, polo que esta recibirá unha achega municipal de 45.000 euros. Axudarase así á entidade histórica da cidade na súa andaina pola Segunda División B.

Tamén se deu o visto boa os convenios co Club Triatlón Santiago, que participa na Liga de Clubs de Primeira División Nacional de Triatlón Masculino (11.000 euros), e co Club Arteal Tenis de Mesa, que compite na Superdivisión Masculina de Tenis de Mesa (11.000 euros). As achegas serven para afrontar os gastos xerais das respectivas competicións. Os clubs publicitarán o Concello de Santiago na súa indumentaria.

Axudas para a creación de novas empresas
A proposta da Concellería de Economía, aprobouse a publicación da convocatoria de axudas para a creación de novas empresas ou a posta en marcha de novas liñas de negocio e ferramentas de xestión empresarial, incluídas no programa Urbana Santiago Norte 2014. Esta acción conta cun orzamento de 30.000 euros.

II Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego
En materia de Normalización Lingüística, resolveuse o II Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, iniciativa que pretende incentivar a galeguización da comunicación comercial, asociar a lingua galega a procesos de mordernización e mellora e engadir valor ás iniciativas publicitarias. O premio recaeu no proxecto Xeitos, presentado por Manuel Mahía para a Libraría Couceiro.

Documentos relacionados



Compartir: