COMERCIO

O Pazo de Congresos acolle máis de 40.000 pezas na I Feira de Antigüidades de Santiago

10/07/2014 O Pazo de Congresos de Galicia acollerá entre venres e domingo a I Feira de Antigüidades de Santiago de Compostela, á que asistirán 35 expositores de España, Francia e Alemaña, que amosarán máis de 40.000 pezas. O evento foi presentado no Pazo de Raxoi pola concelleira de Economía, Reyes Leis, e o organizador do evento, Ángel Moix.

Trátase da primeira feira de antigüidades que se fai en Santiago cun carácter profesionalizado nun espazo como o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. O evento diríxese tanto aos coleccionistas como a calquera persoa interesada nas antigüidades que pode atopar pezas curiosas ou cun valor sentimental.

Os expositores terán unha ampla variedade de pezas, como máquinas de escribir antigas, radios, teléfonos, gramófonos, mobles, discos, xoguetes, ferramentas… Trátase dunha oportunidade para que os pais e os avós podan ensinar aos máis pequenos os obxectos da súa infancia e da súa xuventude.

A feira ofrece tamén a oportunidade de que os asistentes poidan levar as súas pezas antigas para que os anticuarios participantes podan facerlle unha taxación precisa. Inclúese tamén a posibilidade de que vendan eles mesmos esas pezas, que quizais teñen máis valor do que o propio propietario pensaba.

A feira abrirá o venres 11 de 17:00 a 21:00 horas. O sábado e domingo terá un horario continuado de 11:00 a 21:00 horas. O prezo da entrada, que será valida para os tres días da feira, é de tres euros, aínda que se rebaixará a dous euros a aquelas persoas que presenten os vales que se están repartindo en folletos por toda a cidade e na prensa local.

Compartir: