CULTURA

Sergei Malov e Florian Birsak presentan "Vivaldi e a familia Bach" no Via Stellae

09/07/2014 O violoncello da spalla será un dos protagonistas do programa deste xoves 11 no Via Stelllae: violín, viola, viola da gamba, violoncello… unha moi ampla familia de instrumentos coa que explorar cores, sonoridades, recursos estilísticos e expresivos xunto ao ruso Sergey Malov. Vivaldi e a familia Bach –Johann Sebastian e o seu fillo Carl Philipp Emanuel, de quen conmemoramos o seu tricentenario– é o nome do programa que nos brinda a súa música, as súas fermosas sonatas e suites… A partir das 20:30 horas na capela da Orde Terceira nun concerto con entrada libre previa retirada de invitacións no Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h).

"O violoncello da spalla ten a súa orixe na segunda metade do século XVII, aparentemente arredor de Boloña, época na que, realmente, non houbo un instrumento chamado como tal, senón que da spalla (para o ombreiro), apelaba á técnica ou o xeito de tocar e non a un instrumento en concreto. Se recorremos aos dicionarios alemáns e franceses de 1730 ou mesmo posteriores, podemos observar que a definición de violoncello fai referencia a un instrumento que se tocaba da spalla, como unha viola, apoiándose no ombro dereito e cunha fita que o suxeita ao colo do intérprete. Leopold Mozart (1756) cóntanos que a viola da gamba tócase entre as pernas e especifica claramente que ‘hoxe en día mesmo o violoncello se toca deste xeito’. En conclusión, o que os músicos daquel momento chamaron violoncello non é o violoncello que hoxe en día coñecemos e a variedade de terminoloxía trouxo máis confusión que outra cousa".

Estes son algúns dos comentarios que Carmen Delia Romero fai deste instrumento que Sergey Malov recupera para interpretar obras de Vivaldi e de dous membros da familia Bach. Un manuscrito con doce sonatas inéditas descuberto en Manchester en 1974, de aí o seu sobrenome, inclúe a Sonata para violín e continuo en re menor, unha sonata de cámara en catro movementos que é unha mostra clara da obra violinística de Antonio Vivaldi. O seu estilo é máis enxeñoso e moderno que en sonatas anteriores, cun baixo máis sinxelo e funcional. As Seis sonatas para violoncello, publicadas cara a 1740, están consideradas entre as mellores obras escritas no campo da sonata por Vivaldi pois coñecía perfectamente as posibilidades do violonchelo, que el mesmo colaborara a desenvolver dedicándolle 27 concertos e nove sonatas. Escritas ao xeito da chiesa en catro tempos (lento-rápido-lento-rápido) pero asociando con pulcritude a estrutura bipartita típica das danzas da sonata da camera, as obras posúen unha harmonía, unha elegancia e identidade admirables. En xeral, as partituras de Carl Philipp Emanuel Bach están aínda animadas por trazos do Barroco, pero camiñando cara a unha renovación expresiva e emocional que alcanzará o seu maior grao de virulencia no Clasicismo e, sobre todo, no período denominado Empfindsamer Stil (estilo sentimental).

Sendo clavecinista na corte de Federico II de Prusia, C.P.E. Bach escribiu, coma seu pai, tres sonatas para viola da gamba ofrecendo a un excelente violista da orquestra a posibilidade de mostrar o seu virtuosismo. Estas sonatas están compostas nun momento en que a viola da gamba está en declive ante a puxanza do violín e, sobre todo, do violoncello. Numerosos compositores realizaron variacións de carácter virtuosístico sobre a folía ibérica, como o segundo fillo de Johann Sebastian Bach que en 1778 tomou esa danza, xa daquela consideraba "anticuada" e logrou ser o primeiro en distanciarse non sen ironía do tema que transcribía. Foi na corte calvinista de Cöthen onde Johann Sebastian Bach abandonou temporalmente o órgano para compoñer música instrumental de cámara e onde, arredor de 1720, compuxo as súas seis Suites para violoncello. Aínda que non foi o primeiro en escribir para violoncello solo, é Bach quen inventa realmente un estilo propio para este instrumento que afianzará o seu desenvolvemento fronte á viola da gamba. Bach mantén una coidadosa regularidade nos movementos que conforman cada suite: un preludio e cinco danzas.

Novena edición do Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival celébrase do 20 de xuño ao 13 de xullo contando, nesta edición, cun total de 23 concertos.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, énchese de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

Direccións relacionadas



Compartir: