TURISMO

Santiago promociónase no Spain Club, referente da gastronomía española en Tokio

08/07/2014 Turismo de Santiago fixo unha presentación da cidade no restaurante Spain Club de Tokyo. O Spain Club, ubicado no distrito de Ginza, o máis cosmopolita e elitista da capital nipona, é o principal referente da gastronomía española en Xapón. Pero ademais conta tamén cunha tenda onde se poden adquirir moitos produtos españois.

A presentación estivo dirixida a profesionais do sector turístico, touroperadores e axentes de viaxes. Serviu para amosar a Santiago como o punto final do Camiño de Santiago, no que se combinan historia, patrimonio, tradición e natureza. Pero tamén para amosar o atractivo gastronómico da cidade para o gusto xaponés, xa que conta cunha gran variedade de peixes e mariscos frescos e de gran calidade.

O fundador do Spain Club é o empresario Hirosuke Matsui, un dos principais embaixadores da gastronomía española en Xapón, quen ademais do Spain Club é propietario dunha cadea de restaurantes, no que se inclúe o restaurante situado no Instituto Cervantes de Tokio, e unha comercializadora de produtos españoles no país.

Hirosuke Matsui visitou Galicia en outubro do ano pasado. No seu programa incluíuse unha visita ao Concello de Santiago, na que se falou dos atractivos da cidade para o mercado xaponés e se concertou esta presentación no seu restaurante do distrito de Ginza, na que colaborou activamente non só coas súas instalacións, senón tamén coa axenda de contactos profesionais para facer a convocatoria.

A data da presentación fixouse aproveitando a invitación do Concello de Tanabe ao Concello de Santiago para asistir aos actos de celebración do X aniversario da declaración do Camiño de Kumano como Patrimonio da Humanidade, que tiveron lugar a pasada fin de semana.

Compartir: