PLENO

Agustín Hernández asume a tarefa de devolver a "normalidade institucional" a Santiago e a "ilusión" aos seus cidadáns

08/07/2014 Agustín Hernández tomou posesión como alcalde nunha sesión extraordinaria do Pleno municipal na que tamén formalizou a súa renuncia o ata agora rexedor, Ángel Currás. Previamente, tomaron posesión da súa acta, ademais de Hernández, outros oito concelleiros: Marta González, María Jesús Saínz, María Antón, Manuel Martínez, Ramón Quiroga, Teresa Gutiérrez , María José Corral e Alejandro Sánchez-Brunete.

No seu discurso de toma de posesión, o novo alcalde apuntou que o seu obxectivo é "devolver a esta a cidade a normalidade institucional". Tras agradecer a "profesionalidade" dos empregados municipais para manter a normalidade na xestión cotiá da institución, e a confianza depositada nel por Alberto Núñez Feijóo para "traballar directamente pola cidade", recalcou que "hoxe ábrese unha nova etapa no Concello de Santiago de Compostela". Neste sentido, amosouse convencido de que este período servirá para "recuperar a plena eficacia na xestión administrativa, o pulso da actividade política e o clima de traballo e concordia no seo da Corporación municipal".

"O noso labor irá dirixido a achegar estabilidade, confianza e proximidade, e trataremos de facelo a través dunha política centrada na atención das persoas e na xestión dos intereses públicos, da mañá á noite", dixo, comprometéndose a traballar "arreo" na procura de "solucións aos verdadeiros problemas e ás necesidades que ten a cidade".

Consciente dos momentos de dificultade para moitos veciños, Agustín Hernández asume "a obriga de contribuír a superar definitivamente a crise económica e social que padecemos, e tomar as decisións políticas necesarias para mellorar a calidade de vida das persoas, das empresas, do comercio, do turismo, da hostalería...". Nesta dirección, afirmou que traballará para "recuperar a ilusión da cidadanía".

Nova forma de facer política
O alcalde aposta por "unha nova forma de facer política" que incorpore "rigor e imaxinación na prioridade de accións e na toma de decisións", un cambio que tamén estendeu á "amplitude da transparencia" e ao "diálogo" como ferramenta na Corporación e na relación cos veciños. Así, falou dunha acción de Goberno "aberta e participativa, transparente, respectuosa da diversidade e que teña como fin a procura de puntos de encontro e do ben común".

"A nosa prioridade será axilizar a xestión municipal e a relación cos veciños e veciñas de Compostela", apuntou, tendo en conta que Santiago é unha cidade que "precisa dunha proxección exterior forte", pero que "non pode esquecer aos que viven nela: no Casco Histórico, no Ensanche, nos barrios...". Neste punto, asumiu un especial compromiso co medio rural de Compostela.

Agustín Hernández rematou a súa intervención anunciando a intención de "pechar a organización do Goberno municipal de xeito inmediato, coa atribución de concellerías e áreas de responsabilidade de cada un dos concelleiros e co nomeamento da Xunta de Goberno". Así o confirmou tamén posteriormente ante os medios de comunicación, fixando para este mércores a publicidade deste organigrama.

Renuncia de Ángel Currás
No seu discurso de renuncia, o ex alcalde, Ángel Currás, indicou que leva "a honra que supuxo dirixir una cidade sen a que non se pode concibir Galicia nin Europa. Unha cidade universal cuxa iconografía non coñece fronteiras; e una cidade que, pola súa historia, son moitas cidades nunha única. Non obstante, lembrou outros "momentos tráxicos como os daquel accidente de Angrois que, xunto a una inmensa tristura ofreceu tamén a imaxe da solidariedade máis abnegada; ou os momentos difíciles coas convulsións e incertidumes da tarefa de goberno polas circunstancias vividas, ou a pola recente sentenza que apartou aos compañeiros de goberno".

Tivo palabras de agradecemento aos cidadáns de Santiago e ás institucións da cidade, así como ao seu equipo de Goberno polo seu "traballo, dedicación e compromiso". Tamén se acordou dos voceiros e concelleiros de BNG e PSdeG, dos funcionarios públicos, do seu gabinete e dos medios de comunicación.

Finalmente, apuntou que "o bastón de mando do Concello queda en boas mans". Desexoulle o mellor a Agustín Hernández, confiando en que "poida garantir á cidade o protagonismo máis lúcido e máis lucido, e devolverlle á propia Compostela a súa natural serenidade institucional, estabilidade e continuidade".

Compartir: