CULTURA

Roberta Invernizzi e Craig Marchitelli presentan "La bella più bella" dentro do Festival Via Stellae

07/07/2014 Recoñecida polas súas deslumbrantes e elegantes interpretacións de grandes do Barroco como Vivaldi ou Haendel, Roberta Invernizzi volve achegarse en La bella più bella (canción de Luigi Rossi que serve de título ao concerto) ao delicado repertorio italiano do século XVII, un tempo no que as emocións e os afectos eran expresados polo cantante a solo cun acompañamento instrumental: a monodia do barroco italiano temperán (Caccini, Strozzi, Monteverdi, D’India…) para a que resultan ideais a sensibilidade e a expresividade da soprano milanesa. Será dentro do Via Stellae, este martes 8, ás 20:30 horas, en San Fiz de Solovio, acompañada de Craig Marchitelli nun concerto con entrada libre previa retirada de invitacións.

Os primeiros indicios escritos sobre o canto monódico datan de 1600 e apuntan, sobre todo, a dous autores enormemente involucrados na vida cultural de Florencia: Jacobo Peri e Giulio Caccini, recoñecido compositor e intérprete vocal e instrumental vinculado á Camerata Bardi, un grupo de artistas e intelectuais que teorizaban sobre a necesidade de recuperar a capacidade da música para plasmar afectos e emocións. Neste ambiente cultural e musical, os primeiros monodistas barrocos desenvolvéronse utilizando libremente os recursos estilísticos que conformaron unha nova estética na que triunfa, interesado polos dramas musicais experimentais de Peri, Claudio Monteverdi quen combinou nas súas obras vocais, sobre todo madrigais e óperas, recursos como o cromatismo co estilo monódico da escritura para voz.

Particularmente influído pola ópera de Monteverdi, Giacomo Carissimi desenvolveu a alternancia libre de arias e recitativos contribuíndo ao desenvolvemento e progreso operístico. Luigi Rossi, xunto con Cesti e Carissimi, foron considerados "as tres grandes luces da profesión" por Giacomo Perti en 1688 pois as súas cantatas de cámara cítanse entre as mellores do século XVII. Tamén seguiu o exemplo de Monteverdi, Tarquinio Merula, organista, violinista e compositor de polifonía relixiosa, quen contribuíu á evolución da chamada escola de Venecia; experto na escritura de obras para voz solista acompañada de instrumento servíndose dun baixo continuo ostinato para fortalecer a esixencia de expresión formulada para a voz solista neste tipo de obras.

A música de Sigismondo d'India presenta trazos comúns coa que Monteverdi escribía no mesmo período: cromatismo expresivo, disonancias con resolucións pouco usuais e un vivo sentido dramático, tanto que, algunhas das súas máis grandes monodias son, na práctica, escenas operísticas, aínda que nunca escribiu especificamente unha ópera. En resumo, un programa de pequenas obras mestras tecnicamente representativas das novas prácticas musicais do novo madrigal á aria con recitativo, pasando pola canzonetta e a composición sobre ostinato, nas que aflora unha ampla gama expresiva, que vai da felicidade ao patetismo, da tenrura á dor, mesmo o desespero; e intercalando pezas instrumentais de Piccininni e Kapsberger para completar un recital íntimo e intenso no que a sensibilidade e a graza, a poesía e a harmonía, o refinamento e a elegancia se mostran abertamente.

Novena edición do Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival celébrase do 20 de xuño ao 13 de xullo contando, nesta edición, cun total de 23 concertos.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, énchese de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

Venda de entradas e prezos
A retirada de invitacións para o concerto pode facerse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: