REHABILITACIÓN

Aberto o prazo de solicitudes para participar no Programa de Edificios Tutelados

11/08/2006 Todos aqueles interesados en participar no Programa de Edificios Tutelados xa poden presentar as súas solicitudes, trala publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 10 de agosto. Os impresos poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello (Presidente Salvador Allende, 4-baixo), no Rexistro do Consorcio da Cidade de Santiago (Rúa do Vilar, 59) ou por calquera dos medios admitidos na Lei 30/92 de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Na Oficina de Rehabilitación facilitarase asesoramento para cumprimentar os impresos.

O Programa de Edificios Tutelados contempla a rehabilitación de certos edificios moi deteriorados que precisan dunha intervención importante. O investimento realizado nestes edificios, despois da elaboración dun proxecto e dun estudo económico, recuperarase a través da explotación do mesmo inmoble en réxime de aluguer. Posteriormente realizaranse os estudos técnicos e as estimacións dos custos, os acordos cos propietarios e, rematada a rehabilitación, o alugueiro dos pisos. O prazo mínimo fixado para a recuperación do investimento e no que, polo tanto, no se poderá cambiar o uso do inmoble é de 12 anos, se ben se pode estender en función da contía da intervención realizada

A iniciativa afectará a edificios completos que, non estando en ruínas nin en situación de infracción urbanística, sexan confiados polos seus propietarios á tutela da Administración. O orzamento destinado ao Programa é de medio millón de euros, e o límite do presuposto para as obras de rehabilitación chega aos 800 euros por metro cadrado e ao 60% do custo da intervención.

Direccións relacionadas



Compartir: