URBANISMO

O alcalde destaca a mellora na habitabilidade que suporán as obras no barrio de Vista Alegre

04/07/2014 As obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade no barrio de Vista Alegre avanzan a bo ritmo. En marcha a primeira fase, estase tramitando xa o inicio da segunda parte desta actuación, cun orzamento de execución por contrata de 2.846.279 euros e un prazo de execución de sete meses e medio. Este proxecto está incluído no programa Urbana Santiago Norte, financiado con fondos europeos FEDER.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou o barrio acompañado de arquitectos e técnicos municipais, constatando o avance das obras da primeira fase e inspeccionando os ámbitos nos que se intervirá na segunda fase. Apuntou a importante mellora que experimentará o barrio, "con edificios de hai xa 44 anos", en canto á súa "habitabilidade". Tras un proceso lento, motivado polo "estudio individualizado de cada vivenda e cada ámbito", os veciños atoparanse "cun barrio moi mellorado en pouco máis dun ano".

Este proxecto propón unha intervención na totalidade do ámbito: eliminación das terrazas nas tres zonas previstas, eliminación dos pasos soterrados e demolición dos pasos cubertos. Preténdese igualmente a redefinición das seccións das rúas e melloras dos materiais de acabado, dos sistemas de instalacións, do amoblamento, da accesibilidade e das circulacións.

A primeira e máis importante intervención a levar a cabo e condición de partida para a redacción do proxecto era a demolición das terrazas existentes no perímetro das edificacións das vivendas. O feito de eliminar estas terrazas, polo tanto os portais e percorridos peonís á altura da primeira planta, xunto coa posibilidade de instalación das torres dos ascensores polo exterior, algúns xa en funcionamento, e a localización dos portais unicamente en planta baixa, facía obrigada a ampliación e novo deseño dos percorridos peonís, de xeito que se garantan as normas actuais de accesibilidade.

Reordenación viaria
Era necesaria igualmente a reordenación do sistema viario e a modificación de seccións de rúa, convertendo en residenciais as máis reducidas e eliminando destas as prazas de aparcamento en superficie, situando estas nas rúas máis amplas.

Co fin de axilizar o tráfico e reducir os tempos dos percorridos rodados a través do barrio, conectarase o extremo norte da rúa Santa Comba coa rúa Bispo Diego Peláez mediante unha vía dun só sentido, de saída do barrio. Con isto búscase alixeirar o tráfico cara a rúa Noia no seu tramo norte.

Nas rúas de menor sección -Rianxo, Riveira e tramo da rúa Noia de intersección coa avenida de Castelao, habilitarase un carril dun só sentido e dúas beirarrúas, resolto todo cunha pavimentación única e un nivel único na procura de continuidade entre os distintos ámbitos e de amplitude. Trátase de zonas residenciais de libre circulación para os peóns.

Melloras na iluminación e no tránsito peonil
A iluminación suspenderase cunha maia de tensores de aceiro suxeita as fachadas. Prescíndese así dos báculos, eliminando elementos superficiais. A solución adoptada supón unha importante mellora na calidade da iluminación.

Os corredores a carón das fachadas con cotas diferentes ás rúas e beirarrúas contiguas, conectaranse con estas últimas mediante escaleiras e ramplas. Isto facilitará o tránsito de persoas con mobilidade reducida e, por outra banda, ofrece a posibilidade dun desprazamento mais rápido a través das escaleiras.

As diferenzas de nivel entre a rasante da beirarrúa e a dos edificios solucionarase tamén como nas zonas residenciais: petos verdes que, puntualmente, se substituirán por varandas metálicas e elementos vexetais de bordo, disuasorios, que funcionarán como barreiras para os vehículos.

Destas solucións formais e funcionais, as mais sinxelas son tamén de aplicación nas pequenas prazas que aparecen nos entronques das rúas. Xeraranse espazos de estanza e relación, con zonas mais íntimas e outras mais abertas, verdes, con poucos elementos de mobiliario, xa que se trata de lugares de pequena escala.

No que respecta á recollida de lixo, utilizaranse sistemas de contedores selectivos soterrados de carga lateral ou con pluma. A ocupación en planta e en altura é mínima. Hixienicamente, a mellora é moi importante respecto dos contedores de superficie.

Polo demais, o traballo máis importante por facer é resolver cada acceso a cada portal, cada local, cada diferenza de nivel, cada paso transversal de xeito pormenorizado. En definitiva, trátase de implantar todas as solucións necesarias para facer de Vista Alegre un barrio accesible.

Compartir: