CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa este venres no Festival Via Stellae

03/07/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) participa na IX edición do festival de música clásica Via Stellae, que se está celebrar en Santiago de Compostela. A orquestra protagoniza dous concertos no marco desta iniciativa. O primeiro celebrarase este venres, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. O segundo será o sábado, á mesma hora, no Hostal dos Reis Católicos.

No concerto deste venres actuará a sección de cordas da orquestra. Os músicos estarán acompañados ao piano polo artista canario Iván Martín (1978), que ademais encargarase de levar a batuta. Está recoñecido pola crítica e o público como un dos pianistas máis brillantes da súa xeración, tanto en España como no estranxeiro.

Martín colabora con case todas as orquestras nacionais e con boa parte das formacións europeas e americanas. Recentemente fundou Galdós Ensemble, un novo e versátil grupo orquestral que interpreta música do período barroco e o clasicismo, xunto con música moderna e contemporánea. O pianista foi nominado aos XV Premios Nacionais da Música na categoría de mellor intérprete de música clásica.

Tres concertos para clave de Bach
A Real Filharmonía de Galicia interpretará no Teatro Principal tres concertos para clave do compositor alemán Johann Sebastian Bach (1685-1750). Trátase do Concerto para clave nº 1, o Concerto para clave nº 4 e o Concerto para clave nº 5.

O concerto para teclado nace nas primeiras décadas do século XVIII, precisamente da man de Bach, considerado o primeiro mestre e fundador do xénero. Ten o seu máximo apoxeo entre 1730 e 1780. Logo expándese entre compositores de xeracións posteriores e contemporáneos, poñéndose cada vez máis de moda.

Direccións relacionadas



Compartir: