XUNTA DE GOBERNO

Novo alumeado público para o acceso ao polígono do Tambre dende Meixonfrío

03/07/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, deu conta dos asuntos tratados na última Xunta de Goberno Local, entre os que figurou a aprobación dun novo proxecto de alumeado público no acceso ao Polígono do Tambre. Tamén se deu o visto bo á convocatoria de subvencións veciñais para 2014.

A renovación do alumeado afectará ao tramo da rúa do Tambre – vía Marconi, dotando así de novo equipamento ao acceso ao polígono empresarial do Tambre dende Meixonfrío. Mediante a aplicación de novas tecnoloxías, mellorarase a eficiencia na instalación de alumeado público. Instalaranse 32 luminarias tipo LED de alto rendemento e eficacia sobre unhas columnas rectas de polyester para obter unha mellor iluminación. O orzamento do proxecto é de 65.279 euros e ten un prazo de execución de tres meses.

Subvencións veciñais
En materia de participación cidadá, aprobáronse as bases da convocatoria de subvención ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral para o Concello. O orzamento global para estas axudas é de 64.800 euros, manténdose así o importe da partida destinada en 2013.

Convenios culturais
Na mesma sesión tamén se ratificaron tres convenios culturais coas seguintes entidades: Ateneo de Santiago (3.400 €), para a realización de tres programas, entre os que destaca "Os luns do Ateneo" que posibilita a realización de charlas especializadas a celebrar os luns no auditorio da Fundación La Caixa; Casa da Troia (3.600 €); e Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (8.000 €).

Convenios sociais e programa de emprego
Tamén se aprobaron dous novos convenios con entidade sociais: Cáritas Diocesana de Santiago, para o Programa Vagalume, por un importe de 34.000 €, e coa Federación Galega de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia, que recibirá unha achega de 3.700 €. Sumadas estas dúas subvencións ás aprobadas na anterior Xunta de Goberno, as achegas municipais a asociacións e entidades sociais alcanzan os 279.200 €.

Finalmente, acordouse solicitar á Consellería de Traballo unha subvención para a contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA (Renda de Integración Social de Galicia). Isto posibilitará a contratación por nove meses de catro técnicos de programa, dez tramitadores administrativos e seis prazas de apoio administrativo/conserxería.

Documentos relacionados



Compartir: