CONSORCIO

A exposición "Compostela interpreta os pioneiros da fotografía" péchase este xoves na Casa do Cabido

02/07/2014 Esta semana péchanse tres das exposicións que ten en marcha o Consorcio de Santiago na Casa do Cabido e no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede da praza das Praterías). A entidade está a traballar en novas propostas que se inaugurarán nos vindeiros días.

Este xoves é o último día para visitar a exposición Compostela interpreta os pioneiros da fotografía na Casa do Cabido. Trátase de 51 instantáneas realizadas por outros tantos fotógrafos da Asociación Cultural Fotoforum Compostela, que decidiron reinterpretar as imaxes dos grandes mestres desta arte entre 1840 e 1930. Coas técnicas modernas, e dentro do contexto da cidade compostelá, emúlanse as obras dos grandes persoeiros da fotografía que foran, no seu tempo, pioneiros nunha nova disciplina artística.

No Museo das Peregrinacións clausúrase o venres día 4 a mostra Luis Gabú. Arte e ritual na catedral de Santiago, do artista coruñés Luis Gabú. Trátase de 29 fotos en branco e negro sobre o ritual na catedral de Santiago. Están inspiradas na relixiosidade envolvente e no misterioso escenario do templo compostelán.

Tamén o venres día 4, no Museo das Peregrinacións remata a exposición Ayer y hoy de los caminos a Santiago por Castilla y León. El Camino Francés, que mostra a evolución do Camiño ao seu paso pola comunidade leonesa nos últimos 40 anos. É unha iniciativa promovida pola Xunta de Castela e León e impulsada pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Esta mostra itinerante reúne 58 imaxes antigas en branco e negro de diversos lugares do Camiño Francés ao seu paso polas provincias de Burgos, Palencia e León. A estas instantáneas antigas contrapóñense outras tantas actuais, realizadas en cor polo fotógrafo valisoletano José Luis Santos Cid, que buscou a perspectiva e o encadre máis semellantes aos das orixinais.

A Casa do Cabido e o Museo das Peregrinacións abren de martes a sábado, polas mañás de 10:00 a 14:00 horas e polas tardes de 17:00 a 21:00 horas. Os domingos poden visitarse de 11:00 a 14:00 horas e os luns ámbalas sedes permanecen pechadas.

Compartir: