INCENDIOS

A cidade une as súas forzas contra o lume

10/08/2006 O primeiro tenente de alcalde de Compostela, Néstor Rego, fixo unha valoración sobre o que cualificou como "a situación máis grave que ten vivido Santiago en relación aos incendios forestais". Rego asegurou que houbo unha magnífica reacción por parte do Concello desde o primeiro momento "poñendo todos os medios dispoñibles ao servizo do control e extinción dos lumes e despregando así un dispositivo que puido evitar que as consecuencias foran aínda máis dramáticas"

Rego fixo un recoñecemento á labor dos Bombeiros, Policía Local, Protección Civil… pero tamén ás diferentes empresas de servizo do concello como Aquagest, Urbaser ou Cespa que puxeron todos os seus medios, tanto humanos como técnicos, a traballar nesta loita. Do mesmo modo, tamén lembrou ás diferentes empresas privadas da cidade que puxeron a disposición das forzas de seguridade tractores cisterna e escavadoras para abrir cortalumes felicitando así á cidade por ser capaz de unir todas as súas forzas para loitar contra o que cualificou como "terrorismo incendiario".

Destacou que os lumes se están a prender a carón das vivendas polo que queda claro que "quen provoca o lume busca facer o maior dano posible e provocar o caos entre os habitantes". O primeiro tenente de alcalde apuntou que "aínda que a maior masa forestal do concello está nas parroquias do norte, os incendios concentráronse case na súa maioría nas parroquias do sur, que é onde hai unha maior densidade de poboación".

Néstor Rego asegurou que hai que seguir traballando para poñerlle freo aos incendios e, por suposto, aos incendiarios. Apuntou a que tanto desde a Administración coma desde os corpos e forzas de Seguridade do Estado se está a facer todo o posible para atopar aos que prenden o lume pero lembrou a importancia de que os cidadáns colaboren dando toda a información posible. Rego destacou a "magnífica colaboración" que está habendo neste senso e fixo un chamamento á poboación para que así siga sendo. Por último manifestou a esperanza que desde o Concello se ten de que se normalice a situación pero asegurou que, se "lamentablemente se manteñen estes lumes, os medios que ten a Administración local están preparados para seguir a traballar contar eles".

Compartir: