CENTROS SOCIOCULTURAIS

Primeiros obradoiros familiares e circuítos saudables do programa "Vive o verán"

02/07/2014 Durante o mes de xullo haberá ata cinco obradoiros dirixidos a bebes acompañados polos seus pais/nais dentro do programa Vive o verán. Agrúpanse baixo o lema "Medrar en familia" e estimularán as habilidades dos pequenos, ademais de ofrecer ideas creativas para os pais.

O primeiro obradoiro será este venres 4 de xullo, ás 11:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas. Titúlase "Canta e baila" e está dedicado ao son e ao movemento.

Os obradoiros teñen unha duración de hora e media, son gratuítos e precisan inscrición, xa que as prazas están limitadas a 12 familias. Aínda hai prazas para as sesión previstas. Despois deste obradoiro no CSC das Fontiñas, os seguintes serán:

- 8 xullo, ás 11:30 horas, no CSC de Santa Marta: "Canto e baile".
- 10 xullo, ás 17:30 horas, no CSCXM do Ensanche: "Masaxes".
- 15 xullo, ás 11:00 horas, no CSC do Castiñeiriño: "Masaxes".
- 16 xullo, ás 11:00 horas, no CSC de Vite: "Risoterapia".

Os participantes deben ir con roupa cómoda, preparada para mancharse.

Circuítos saudables
Por outra parte, este mércores 2 de xullo comezou outra das actividades previstas por Vive o verán para o mes de xullo: os circuítos saudables. Cada mércores, dende as 10:00 ás 13:00 horas, os participantes percorrerán distintos puntos da cidade partindo dos centros socioculturais e pasando por parques con aparellos cardiosaudables, onde os participantes recibirán pautas para o seu bo uso.

O primeiro dos circuítos saíu do CSC das Fontiñas e chegou ata o Monte Viso. A actividade estaba pensada para grupos de 20 participantes, en boa condición física, xa que foron tres horas continuadas de movemento, que finalizaron novamente no CSC das Fontiñas.

Aínda hai algunha praza dispoñible nos circuítos das próximas semanas. Os interesados deben inscribirse presencialmente ou chamando por teléfono aos centros socioculturais. A actividade é de balde. Próximos circuítos:

- Mércores 9 xullo: CSC de Santa Marta - Parque do Paxonal-Sar.
- Mércores 16 xullo: CSCXM do Ensanche - Parque da Alameda - Ruta Sarela Sur.
- Mércores 23 xullo: CSC de Vite - Ruta Sarela Norte.
- Mércores 30 xullo : CSCXM do Ensanche - Granxa do Xesto e Monte Pedroso.

Máis información nos centros socioculturais e na web www.santiagosociocultural.org.

Compartir: