CULTURA

O Caspervek Trío presenta "Máis Variacións Goldberg" no festival Via Stellae

01/07/2014 As Variacións Goldberg chegan ao Via Stellae con Máis Variacións Goldberg, coas que o Caspervek Trío propón unha viaxe ao través da música do Renacemento e o Barroco utilizando a obra mestra de Bach como nexo condutor. Será ás 22:00 horas no Hostal dos Reis Católicos, con entrada de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal.

As Variacións Goldberg de Bach, unha das pedras de toque do repertorio pianístico, foron concibidas en orixe como un libro de exercicios para teclado. Poucas veces a xénese dunha obra rematou quedando tan lonxe do seu significado posterior pois a creación do xenio de Eisenach se converteu por méritos propios nunha das iconas absolutas da música clásica e nun dos maiores retos aos que un pianista pode enfrontarse.

Cos anos, as Variacións Goldberg foron adaptadas e transformadas por artistas de todo xénero e condición, que nos deixaron dende versións orquestrais ata transcricións para sintetizador. Agora, con Máis Variacións Goldberg, o trío Caspervek propón unha viaxe a través da música do Renacemento e o Barroco utilizando a obra mestra de Bach como nexo condutor. Así pois, ao tempo que escoitamos unha selección das Variacións, aparecerán nesta travesía musical obras dos máis grandes mestres da época, como Palestrina, Matteis, Rameau ou Haendel.

Caspervek Trío
Xorde en Vigo no 2013 no seo do seu Conservatorio Superior de Música, co propósito de musicar en directo películas clásicas do cine mudo. Partindo desta premisa, Caspervek Trío continúa explorando as relacións entre música e imaxe e os efectos de ambas as dúas no público. O seu rango de acción abrangue dende a recuperación do patrimonio cinematográfico histórico ata proxectos puramente musicais nos que o acento trata de estar sempre posto na busca dunha linguaxe transfronteiriza onde música culta e popular converxan nun mesmo punto.

Brais González (piano) naceu en Vigo en 1987, estudou na Universität Mozarteum de Salzburg e finalizou os seus estudos no Conservatorio Superior de Música da súa cidade natal. Foi galardoado en numerosos concursos internacionais de piano como o Cidade de San Sebastián ou o Nikolai Rubinstein de París e actuou como solista e acompañante en cidades de España, Portugal, Francia, Holanda, Reino Unido, Alemaña e Austria. Compuxo obras para a EPMVC (Portugal) e o CMUS Vigo. Colaborou na BSO de documentais para Canal Sur Andalucía e foi director artístico do colectivo de artistas Bramnova, afincado en Málaga.

Eduards Vecbastiks (violín) naceu en Riga (Letonia) en 1991. Comezou os seus estudos aos 4 anos finalizando o grao medio de violín con matrícula de honra. Gañou o primeiro premio no Concurso para Mozos Intérpretes de Ortigueira. É concertino de diversas orquestras galegas e colaborou con numerosas formacións no ámbito nacional e internacional entre as que destacan a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e a NJO (Holanda). Finaliza os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Blas Castañer (percusión) naceu en Pedralba (Valencia) en 1992. Comezou os seus estudos de percusión aos 4 anos e finaliza o grao medio no Conservatorio de Benaguacil co premio extraordinario. Gañou o primeiro premio do I Concurso Internacional Baketes (Benetusser). Forma parte de diversas bandas da Comunidade Valenciana e Galicia e colabora con numerosas orquestras do ámbito nacional. Finaliza os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Venda de entradas e prezos
A entrada para este concerto será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: