COMERCIO

Dezaoito locais baleiros participan no programa piloto de escaparates

01/07/2014 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi os primeiros resultados da fase inicial dun innovador proxecto que, en colaboración coas asociacións comerciais de Santiago, pretende dinamizar as zonas comercias da cidade mediante a instalación de escaparates en locais que actualmente están baleiros. Trátase dun proxecto piloto no que o Concello fai de intermediario entre propietarios de locais baleiros e empresarios da cidade para, ao mesmo tempo, amosar as posibilidades dos locais e servir de escaparate para negocios xa establecidos.

No proxecto pode participar como expositor toda entidade con sede de actividade no termo de Santiago. É un programa aberto a todos os sectores de actividade, pero considérase de especial interese para decoradores, estudos de interiorismo e arquitectura, moblerías, tendas de decoración ou interiorismo. Tamén poden participar os propietarios de locais baleiros interesados en vendelo ou alugalo.

Os propietarios dos locais baleiros teñen como principal beneficio por participar no proxecto a mellora do atractivo e visibilidade do seu local, que terá unha maior promoción e publicidade, polo que se facilitará o seu aluguer ou venda. Os expositores teñen como principal beneficio a posibilidade de dispor de novos espazos para os seus negocios, co custe mínimo da montaxe do escaparate e do consumo da luz do local.

Co ánimo de realizar as primeiras intervencións de cara o verán, o prazo para participar nesta primeira fase do proxecto pechouse o pasado 14 de maio. Ata ese momento adheríronse ao programa 18 locais comerciais, todos eles situados no Ensanche e no Casco Histórico, salvo un local situado en Conxo. Tamén se apuntaron 18 expositores, de sectores diversos, pero especialmente de téxtil, complementos e decoradores e interioristas.

A asignación dos locais baleiros aos expositores fíxose por elección dos propios expositores entre os locais dispoñibles seguindo a súa orde de inscrición ao programa. Tras o proceso de elección, serán 12 os locais comerciais que farán de escaparate doutros negocios, que está previsto que se instalen o 10 de xullo. A razón de que o número de expositores finais sexa menor ao número de candidatos é porque o programa segue aberto e dende o Concello continúase traballando na captación de novos locais para que se inscriban no programa nos meses de setembro e outubro e así os posibles expositores teñan maiores posibilidades de elección e poidan atopar un espazo que se adapte ás súas características.

A relación entre os expositores e os propietarios estará regulada e coordinada pola dirección do proxecto, garantindo así a tranquilidade para todas as partes. Todo iso co obxectivo de mellorar a imaxe de Santiago, facilitar a comercialización dos locais e incentivar a implantación de novos negocios na cidade, que terá así máis vida e valor para o beneficio de todos.

Compartir: