REHABILITACIÓN

Os partipantes na Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación poñen en común os seus proxectos

10/08/2006 A Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación é un curso eminentemente práctico no que están participando arquitectos, arquitectos técnicos, historiadores da arte e sociólogos. Componse de charlas e seminarios teóricos e prácticos que teñen como eixo integrador un taller de proxectos. No mesmo desenvólvense, por grupos, traballos reais en diferentes núcleos da xeografía galega.

Tódolos proxectos que se realizan na Aula nacen con perspectiva de poñerse en práctica de forma inmediata e, no seu conxunto, representan un amplo abano de situacións e problemas moi significativos dentro dos procesos de recuperación de edificacións e tecidos urbanos.

O venres 11 realizarase unha posta en común de tódolos proxectos, que non só prestan atención ao urbano senón que tamén fan fincapé na posta en valor do rural. A xornada desenvolverase dende as 10:00 horas mañá. Estará presente a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, que arredor das 12:00 horas do mediodía realizará declaracións aos medios presentes.

Os proxectos desenvolvidos pertencen aos concellos de Santiago, Lugo, Ourense, Tui, Mondoñedo, Chantada, Lourenzá, Cambados e Muros. En Santiago céntrase na proposta do Plan Especial para a zona das Hortas.

Compartir: