MEDIO RURAL

A primeira roza xeral do novo contrato anual de mantemento iniciarase na primeira quincena do mes de xullo

27/06/2014 O concelleiro responsable de Medio Rural, Luis Meijide, anunciou que a empresa adxudicataria do novo contrato de rozas para as parroquias do rural comezará a realizar os traballos na segunda quincena de xullo. Unha vez celebrada a mesa de contratación, só queda a ratificación da adxudicación pola Xunta de Goberno para que poidan comezar as rozas.

Este contrato anual, que saíu a licitación por 230.000 euros, inclúe dúas rozas xerais por todas as parroquias do rural compostelán: a inicial que comezará en xullo e outra na primavera. Á marxe destas, a empresa adxudicataria irá realizando ao longo do ano as rozas que sexan necesarias en función das necesidades puntuais das parroquias referendadas polos técnicos municipais. Isto permitirá unha maior axilidade na resposta ás demandas veciñais, segundo indicou o edil.

Mentres tanto, continúan a bo ritmo e segundo os prazos previstos as rozas nas parroquias con motivo das diversas festas parroquiais. Tal como apuntou Luis Meijide, estanse efectuando os traballos en función dun calendario marcado polas datas das celebracións. Xa se realizaron as rozas en Santa Cristina de Fecha, A Gracia, Busto, Cesar, Carballal, Enfesta, Lavacolla e Bando. Quedan por facer os traballos en San Xoán de Fecha, A Peregrina, Grixoa, Verdía, Nemenzo, Marantes, Barciela, Aríns, O Eixo, Marrozos, Laraño, Villestro, Figueiras e Angrois.

Compartir: