AEROPORTO

Santiago quedará conectada con París cun voo diario dende o 18 de setembro

10/08/2006 O aeroporto de Lavacolla contará a partir de setembro con dúas novas rotas, que enlazarán a cidade con París e Madrid. A compañía de baixo custo Vueling pon en marcha estas novas conexións, que se unen á que xa ten entre Compostela e Barcelona.

O voo diario a París arrincará o 18 de setembro, cuns prezos de lanzamento de 10 euros por traxecto. O avión sairá de Santiago ás 8.50 horas e chegará ao aeroporto Charles De Gaulle ás 10:50 horas. A hora de saída dende a capital francesa será as 12:00 horas. Nesta nova rota, Vueling agarda transportar uns 80.000 pasaxeiros.

Segundo indicou o director de desenvolvemento de rotas de Vueling, Alfons Claver, co lanzamento da nova rota a París, a oferta de prazas dende Galicia verase incrementada nun 50%, xa que a compañía operará diariamente co seu Airbus A-320, de 180 prazas, multiplicando por catro a capacidade dos avións que ata agora operaron a rota Vigo-París.

Pola súa parte, a liña Santiago-Madrid arrincará o 14 de setembro con once vos semanais. Haberá un voo diario con ida ás 15:05 e volta ás 05:55 horas. Esta conexión reforzarase de xoves a domingo con outro voo, que neste caso sairá ás 22:00 horas. Tamén nestes catro días haberá unha voo dende Madrid ás 20:10 horas.

As previsións para a nova rota a Madrid son transportar 120.000 pasaxeiros anuais. Vueling estima que nos seus avións viaxará un 70% dos pasaxeiros de negocios durante a semana, e atraerá máis turismo cara a fin de semana. A rota conecta punto a punto Lavacolla coa terminal T4 de Baraxas.

En total, con estas dúas novas conexións unida á de Barcelona, Vueling prevé transportar uns 300.000 pasaxeiros e converterse no terceiro operador do aeroporto de Lavacolla.

Aposta estratéxica

O alcalde compostelán manifestou a súa satisfacción por estas dúas rotas e reiterou que o tempo está a dar a razón ao Concello de Santiago en canto ás previsións do transporte aéreo e á súa aposta estratéxica polas compañías de baixo custo. "Sabiamos que o futuro estaba aí", apuntou. Segundo Sánchez Bugallo"estes vos reforzan as nosas conexións con Madrid e melloran sensiblemente as condicións do voo que perderamos a París, no sentido de que é un voo directo, con máis prazas e mellores prezos".

A este aspecto tamén se referiu o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, ao sinalar que "case o 35% dos que visitan España fano nestas compañías de nova xeración e cun transporte punto a punto, evitando escalas intermedias que alongan e encarecen a viaxe". "Santiago de Compostela converteuse en punto de referencia para tódalas compañías para ofertar un destino turístico atractivo, cun aeroporto operativo para elas en un punto xeográfico estratéxico no noroeste peninsular", afirmou.

Compartir: