XUNTA DE GOBERNO

Novo sistema de bombeo de pluviais para evitar inundacións en Pelamios

26/06/2014 A Xunta de Goberno aprobou a memoria valorada das obras de instalación dun sistema de bombeo de augas pluviais na praza da Capela de San Xoán, en Pelamios. Preténdese así evitar as inundacións que se veñen producindo nesta praza. Ademais, deuse o visto bo á modificación da sinalización vertical na rúa de San Francisco.

Nas inundacións que veñen producindo na praza da Capela de San Xoán dos Pelamios conflúen varios factores. Por un lado, a fonte existente na praza ten o seu desaugadoiro canalizado directamente ao regato do Corgo, a unha cota moi baixa, dándose a circunstancia de que o nivel da praza coincide case coa cota do regato. Deste xeito, cando sube o nivel do regato, a auga da fonte non ten saída e, ademais, a propia auga do río sobe polo desaugadoiro da fonte, inundando a praza.

A isto hai que engadir o feito de que o regato do Corgo, no seu curso dende Meixonfrío, recolle unha conca moi extensa que, co paso dos anos e coas novas edificacións, se foi impermeabilizando. Na actualidade, recolle moita máis auga de choiva que no pasado, producíndose con maior frecuencia episodios nos que a corrente de auga do regato non é quen de pasar por debaixo da ponte da rúa dos Pelamios, pasando incluso por riba dela.

Para paliar esta situación de inundacións recorrentes, investiranse 11.569 euros, nun prazo de tres semanas, na mellora da rede de saneamento soterrada. Así, instalarase unha válvula anti-retorno na saída por gravidade dende a fonte do atrio da capela, e colocarase unha estación de bombeo para augas pluviais. Esta bomba entrará en funcionamento cando a evocación por gravidade sexa imposible polo nivel das augas do río, impulsando a auga directamente ao regato do Corgo por debaixo da ponte e da rúa dos Pelamios.

Esta actuación completará outras xa acometidas polo Concello na zona de Pelamios para evitar as inundacións. Investíronse anteriormente 22.324 euros na mellora e ampliación dos sistemas de drenaxe.

Obras na rúa 25 de Xullo e no Castiñeiriño
Nesta Xunta de Goberno tamén se iniciou o procedemento de contratación para a realización das obras de mellora da pavimentación na rúa 25 de Xullo. Esta actuación terá un importe de licitación de 232.127,66 € máis IVE e un prazo de execución de tres meses.

Ademais, adxudicáronse as obras do SUNP-11 do Castiñeiriño por un importe de 2.258.107,95 €, distribuído por anualidades da seguinte forma: 752.702,65 € para a anualidade 2014 e 1.505.405,30 € para a 2015. As obras terán un período de execución de nove meses.

Fogos do 31 de xullo
Finalmente, a Xunta de Goberno acordou iniciar o expediente de contratación do deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico do 31 de xullo das festas do Apóstolo de 2014. O tipo de licitación é de 23.586 € máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: