BENESTAR SOCIAL

O recoñecido pediatra Carlos González participará nas II Xornadas de Crianza Consciente e Coaching Familiar

26/06/2014 O pediatra Carlos González, firme defensor da lactancia materna e autor de libros como Mi niño no me come ou Comer, amar, mamar, participará nas II Xornadas de Crianza Consciente e Coaching Familiar, que se celebrarán este sábado 28 de xuño no Hotel Puerta del Camino de Santiago. O evento diríxese tanto a nais e pais como aos diferentes profesionais vinculados coa infancia, como pediatras ou profesores.

As Xornadas de Crianza e Coaching Familiar atenden á crecente demanda das familias de atopar recursos para gozar da crianza, respectar aos nenos no seu desenvolvemento, simplificar a vida cotiá, educar dende a empatía, atendendo ás necesidades dos pequenos, respectando as súas emocións e peticións. Estas ideas serán expostas xa na charla inaugural, impartida pola coach de familia e directora da Escola Internacional de Crianza e Coaching.

Na presentación destas xornadas, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, participaron a concelleira de Benestar Social, Reyes Leis; a directora da Escola Internacional de Crianza e Coaching e organizadora do evento, Teresa Hernández; a directora de Identia Coaching e Formación, Nelly Rey; a coordinadora de Agafor, Raquel Pita; e a presidenta da Asociación Juntos por ti, Romina Molina.

Carlos González, coñecido pola súa defensa dunha crianza simplificada que fuxe de tratar aos pequenos como adultos, dará dúas charlas na xornada. Pola mañá falará sobre "Pais e nais hoxe". Pola tarde sobre "Medrando xuntos, da infancia á adolescencia con cariño e respecto". En ambas haberá unha ampla quenda de preguntas, na que os asistentes poderán formular as cuestións que lles preocupan sobre a educación dos pequenos.

O programa das xornadas inclúe ademais diferentes obradoiros nos que poden participar non só os maiores, senón tamén os pequenos. Pola mañá serán "As voces meniñas", coas coaches Nelly Rey e Isabel Pichel, e "Contacto con tacto", coa coach Susana Simoes. Pola tarde serán "Fillos e fillas con altas capacidades", con Romina Molina, e "Tirando do fío", con Laura Reyes, de Luscofusco.

Para rematar o evento, terá lugar a actuación de Ursia Gago, co espectáculo Mamá Teatro. Ademais, durante toda a xornada haberá un posto da ONG Juntos por ti no que se recollerá material escolar para repartir de cara ao próximo curso entre as familias que atenden na zona de Santiago.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: