CULTURA

A Banda Municipal de Música e o Ensemble Residente do FIP presentan "América de Norte a Sur" dentro do Off Stellae

25/06/2014 A Banda Municipal de Música, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, e o Ensemble Residente do FIP, Festival Internacional de Percusión, dirixido por Juan Collazo, son os protagonistas do Vía Stellae para a xornada deste xoves 26 de xuño. Poderemos escoitalos a partir das 20:30h na praza da Quintana nun concerto que será de acceso libre e cun programa que leva por título América_de Norte a Sur e que xira arredor da inspiración folclórica indíxena e de percusión.

América de Norte a Sur, encarga do FIP, toma como partida a composición Kecak, do galego Adrián Saavedra, obra baseada na cultura dos indíxenas de distintas zonas do sur de América e na que as percusións tribais se mesturan con bailes e cánticos que toman o fío condutor da obra. A parte desta innovadora peza de corte actual, a selección do repertorio do concerto achéganos a músicas de corte popular nas que a percusión toma un papel primordial, con cores e rítmicas que lle outorgan identidade a melodías tan universais. Un concerto, un espectáculo, no que viaxaremos (por México, Colombia, Venezuela, Brasil…) a un continente no que podemos atopar moitos paralelismos con Galicia. A inspiración non entende de fronteiras e no programa atopamos obras de autores de procedencia mexicana (Arturo Márquez e Alberto Domínguez), norteamericana (Alfred Reed), suíza (Franco Cesarini), galega (Adrián Saavedra), colombiana (Victoriano Valencia), brasileira (Zequinha de Abreu)…

Banda Municipal de Música
É unha das máis antigas de Galicia (1849). Durante os primeiros anos foi unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal e na rúa do Vilar, praza da Quintana, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. A súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e os domingos, concertos didácticos en período lectivo nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.

Ensemble Residente do FIP
Dende a creación do Festival Internacional de Percusión, que hoxe xa está asentado en Madrid, Valencia, Aragón e Galicia, leváronse a cabo distintas producións organizadas polas bandas base de cada comunidade e con temáticas diversas tales como espectáculos de música oriental (Okho), monográficos (24 h de J. Cage), de raíz como Kallah Pallah, programas máis vangardistas en espazos alternativos, etc. O Ensemble Residente do FIP está formado por unha ampla variedade de percusionistas especializados nos máis diversos estilos musicais; a formación escóllese para cada espectáculo atendendo as necesidades interpretativas, dado que a percusión comprende un campo moi extenso que vai dende o máis étnico e tradicional ata as composicións contemporáneas.

Novena edición do Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival celébrase do 20 de xuño ao 13 de xullo contando, nesta edición, cun total de 23 concertos.

Direccións relacionadas



Compartir: