TURISMO

O Campionato de España de Dardos traerá a Santiago a máis de 2.500 participantes

25/06/2014 Santiago será a sede do Campionato de España de Dardos, que se celebrará entre o 13 e o 16 de novembro no Recinto Feiral de Amio. No campionato participarán máis de 2.500 persoas, polo que se asegura un volume de pernoctacións moi elevado na cidade para mediados de novembro. Santiago será a sede da competición durante os próximos catro anos, de tal xeito que a cidade se converterá no destino de referencia para todos os xogadores federados en España, que na actualidade son uns 56.000.

Santiago acollerá o campionato de España en dúas modalidades distintas: na de Cricket, que celebra a súa XXI edición, e na de Copa KO, que acolle a súa XVI edición. No campionato competirán persoas de toda España, pero ademais convidouse a participar por primeira vez á Federación Portuguesa de Dardos, polo que tamén se espera que acudan á cidade persoas procedentes do país veciño.

O Campionato de España foi presentado nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi na que participaron a concelleira de Turismo, Reyes Leis,; o director da Federación Española de Dardos Electrónicos, Alejandro Álvarez; e o director de Viajes Sant Yago e representante da organización do campionato en Santiago, Ángel Cabana.

A concelleira de Turismo destacou a importancia deste evento para o sector turístico da cidade por dúas razóns fundamentais: por unha banda, polo alto número de participantes estimados, que xerarán un gran número de pernoctacións nos hoteis da cidade e, por outra, porque se celebra no mes de novembro e será un elemento dinamizador en temporada baixa.

Reyes Leis tamén agradeceu á organización que escollese o Recinto Feiral de Amio para a celebración do Campionato de España, unha mostra das posibilidades desta infraestrutura para albergar eventos de todo tipo. Tamén agradeceu a confianza amosada na cidade ao garantir que o evento terá lugar aquí nos próximos catro anos.

Compartir: