TURISMO

Santiago superou as 120.000 pernoctacións en maio, mellor cifra histórica neste mes despois do Ano Xacobeo 2010

24/06/2014 Santiago alcanzou as 120.502 pernoctacións no pasado mes de maio, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Trátase da mellor cifra da serie histórica neste mes, só superada pola cifra do Ano Santo 2010. Representa un crecemento do 1,9% respecto de maio do ano pasado, que xa alcanzara unhas cifras importantes. Tamén supera ás cifras dos anos previos ao comezo da crise económica.

Os datos de maio conseguíronse grazas ao crecemento constante de turismo internacional nos ultimos anos, que en 2012 e 2013 obtivo os récords absolutos de pernoctacións internacionais na cidade no conxunto do ano. Este foi o terceiro mes de maio consecutivo no que as pernoctacións internacionais superaron ás pernoctacións de turismo doméstico. Pero ademáis, o turismo doméstico creceu tamén respecto ao ano pasado, un 3,7%.

A comparación entre os datos do mes de maio dos anos precedentes á crise económica e os do mes de maio desta ano amosan a modificación que está a vivir a cidade na estrutura da súa oferta turística, cun peso cada vez maior do turismo internacional. En maio do ano 2008 houbo 119.217 pernoctacións, das cales o 57,1% foi de turismo doméstico e o 42,9% de turismo internacional. Pola contra, en maio do 2014 invertiuse a relación, e o turismo internacional supuxo o 51% das 120.502 totais do mes, mentres que o doméstico supuxo o 49%.

O peso do turismo internacional nas pernoctacións en Santiago é consistente cos datos de peregrinos e dos pasaxeiros no aeroporto. No mes de maio, os peregrinos estranxeiros superaron amplamente aos peregrinos españois, con 18.623 dos primeiros fronte a 8.731 dos segundos. Pero, ademais, o aeroporto de Santiago viviu o mellor mes de maio da súa historia en pasaxeiros nas súas conexións internacionais directas, con 41.351 pasaxeiros e un crecemento do 25% respecto a maio do 2013.

Documentos relacionados



Compartir: