CULTURA

Al Ayre Español e Gli Incogniti con Amandine Beyer, novas citas do Via Stellae

23/06/2014 Continúa esta novena edición do Festival Via Stellae e nos vindeiros días chegan dúas das apostas da liña de programación vinculada ao Barroco, á música antiga e á interpretación historicista Serán o conxunto Al Ayre Español, que presenta To all lovers of musick este martes, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, e a violinista Amandine Beyer con Gli Incogniti o mércores ás 20:30 horas tamén, pero na Igrexa da Universidade, con Apothéoses Couperin.

"To all lovers of musick". Así se dirixía John Walsh, o editor de Haendel, cada vez que anunciaba unha nova publicación nos xornais da época, ao emerxente e cada vez máis numeroso público afeccionado. A burguesía próspera e cosmopolita daquela populosa urbe, Londres, demandaba avidamente música para o consumo privado nunha sociedade cada vez máis necesitada dunha arte feita á súa medida. Haendel, esgotado despois de anos dedicado en exclusiva á ópera italiana, e tras atravesar unha gran crise financeira e artística que case lle custa a vida, decidiu cambiar de rumbo e comezou a escribir oratorios e música instrumental, aínda que sen abandonar de todo a escena. Grazas ao seu fracaso coa ópera, nun Londres cansado xa de arias italianas e necesitado de novidades, podemos hoxe gozar dunhas sonatas que no fondo son unha ópera sen palabras. En efecto, a Ópera quinta (Londres, 1739) contén moitas páxinas tomadas de obras vocais –óperas, oratorios, serenatas e música litúrxica– escritas nos anos anteriores á súa publicación, pero tamén conteñen certa cantidade de música composta ex novo.

Al Ayre Español
Máis de 25 anos nos festivais e teatros máis importantes de Europa, 10 anos como orquestra residente no Auditorio de Zaragoza, 17 discos, premios internacionais (Premio Nacional de Música en 2004, entre outros) e distincións (Embaixador de Zaragoza dende 2011) e unha incesante axenda de compromisos internacionais e actividades para as próximas tempadas confirman que o grupo aragonés é unha das referencias máis destacadas do ámbito nacional. Ao longo deste cuarto de século Al Ayre Español actuou nos escenarios máis prestixiosos do mundo: Concertgebouw de Amsterdam, Musikverein e Konzerthaus de Viena, Tonhalle de Dusseldorf, Konzerthaus e Filharmónica de Berlín, Théâtre des Champs Elysées e Cité de la Musique de París, Teatro Real e Auditorio Nacional de Madrid, Palau de la Música Catalana e Gran Teatro do Liceu de Barcelona, Palau de la Música de Valencia, Laeizhalle de Hamburgo, Library of Congress de Washington, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Arsenal de Metz, International Performing Arts Center de Moscú, Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa, Palacio Euskalduna de Bilbao, Teatro Olímpico de Roma, etc. En 2012, e como recoñecemento a esta traxectoria, Sony Music reeditou as súas oito primeiras gravacións nunha exclusiva colección: Al Ayre Español Edition. Foi invitado tamén aos máis importantes festivais: Festival de Pascua de Baden Baden, Festival Bach de Lepizig, Festival de Música Antiga de Utrecht, Internationale Festtage Alter Musik de Stuttgart, Schleswig-Holstein Musik Festival, Dresdner Musikfestpiele, Toulouse les Orgues, Festival de Música Religiosa de Cuenca, Festival de Música Antigua de Aranjuez, Festival de Ambronay, Festival Haendel de Halle, Festival International d'Ópera Baroque de Beaune, Festival de Saintes, Festival Internacional Cervantino (México), Festival Monteverdi de Cremona, Authentica de Israel, Festival Via Stellae de Santiago de Compostela, Festival Antiquarium de Moscú etc., Al Ayre Español conta co Patrocinio de Ibercaja, Industrias Químicas del Ebro, Axial vinos, Goberno de Aragón e a colaboración de Heraldo de Aragón. Mantén un acordo de residencia co Auditorio de Zaragoza.

O modelo de Corelli na música francesa con Gli Incogniti
22 de marzo de 1787: Lully morre co seu pé gangrenado. Esta noticia, inesperadamente teatral, permite un brusco cambio na historia da invención musical da Francia da época. De súpeto os compositores (e compositoras!) somérxense con avidez na realización de sonatas (en trío) cuxos primeiros modelos, da man de Corelli, acaban de chegar a París. Máis que o fondo (se o pensamos ben, Corelli non é o máis extravagante dos compositores italianos) é sobre todo, a forma a que se libera. Abandónase pouco a pouco a suite de danzas, para chegar a unha música instrumental autónoma na que o estandarte lévao o violín. E asistimos finalmente a unha sutil mestura: as liñas do baixo transpórtanse e traducen cara ao francés, os nomes galos italianízanse ou á inversa (sonata/sonade), as disonancias sensuais ocupan todo o espazo e os franceses, sempre nostálxicos e mitificadores, homenaxean as súas queridas fontes italianas en formas altamente simbólicas e tipicamente francesas: o tombeau e a apotthéose.

Gli Incogniti
Fundado por Amandine Beyer en 2006, o grupo toma ou seu nome da "Accademia degli Incogniti", que está na orixe dos primeiros libretos operísticos venecianos. E dese nome xorde tamén ou seu espírito, un gusto polo descoñecido en todas as súas formas: a experimentación de sonoridades diversas, a procura de repertorio, ou redescubrimento dos "clásicos". O éxito da súa primeira gravación permitiulle presentarse en salas de concerto e festivais de Europa, América e Asia, como a Ópera de Montecarlo, ou Théâtre de la Ville (París), Boston Early Music Festival, Tage Alter Musik Regensburg, Festival de Sablé, Teatro da Cidade Prohibida (Beijing), etc. Os seus seguintes traballos dedicados a Vivaldi, Matteis e Rosenmuller recibiron igualmente o apoio da crítica e converteron a Gli Incogniti nun dous grupos máis recoñecidos da música antiga na actualidade, coroado pola súa recente gravación dos concerti grossi de Corelli, que foi saudado como a versión de referencia destas obras.

Novena edición do Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a 9ª edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. Celébrase do 20 de xuño ao 13 de xullo cun total, nesta edición, de 23 concertos.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, énchese de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

Venda de entradas e prezos
Dos 23 concertos do programa só seis serán de pago e o resto será con invitación que haberá que retirar previamente agás o da praza da Quintana que será de entrada libre. Ademais, para 5 deses 6 concertos de pago haberá un abono a un prezo de 30 euros. A retirada de invitacións para os concerto de balde e a venda de entradas pode facerse no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, tamén poden mercarse na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443. Neste caso, o concerto de Al Ayre Español ten un custo de 8 euros, mentres que para o de Gli Incogniti a entrada é de balde, previa retirada de invitación.

Direccións relacionadas



Compartir: