EDUCACIÓN

O Concello substituirá a cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

23/06/2014 A concelleira Reyes Leis mantivo unha xuntanza con técnicos de Educación, de Urbanismo e da Brigada de Vías e Obras para coordinar e organizar o plan de obras máis urxentes a realizar nos centros escolares, unha vez rematado o curso. Estas pequenas actuacións responden ás prioridades fixadas polos responsables dos centros e ás visitas realizadas aos mesmos polos técnicos de Educación.

A obra máis importante deste programa será a da substitución da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento, na que se investirán 70.000 euros. Outras obras inmediatas citadas pola concelleira son as de reparación de diversos desperfectos causados por actos vandálicos na Ludoteca de Fontiñas ou a climatización da Escola Infantil do Polígono do Tambre.

Realizaranse pequenas obras ata en 23 centros escolares, a maior parte de importes pequenos, entre 500 e 2.000 euros. Destinarase unha partida duns 70.000 euros para todas estas actuacións. Reyes Leis expresou a súa confianza en que estas reparacións se completen co propio plan de obras da Consellería de Educación. Precisamente en relación ao Departamento autonómico, indicou que o Concello está pendente de coñecer se este se fai cargo da creación dunha nova aula infantil no CEIP López Ferreiro ou se ten que asumir esta obra o Concello.

Finalmente, a edil lembrou que segue a súa tramitación un contrato de mantemento dos centros educativos que permitirá, unha vez adxudicado, atender de forma inmediata as demandas de reparacións que vaian xurdindo ao longo do curso.

Compartir: