INFRAESTRUTURAS

A nova ponte sobre o río Bafín mellora a seguridade na estrada entre Santiago e Val do Dubra

09/08/2006 A ponte sobre o río Bafín, na estrada provincial 7804, de Val do Dubra a Santiago, quedou inaugurada tras rematar recentemente as obras de construción desta nova infraestrutura, financiada pola Deputación da Coruña cun investimento de 564.515 euros.

Esta obra, localizada na parroquia de Grixoa, consistiu na construción dunha ponte, co obxecto de facer a estrada máis accesible para os vehículos pesados, que tiñan grandes dificultades para superar o radio das curvas. Elevouse a ponte sobre o río e reduciuse e transformouse este tramo nunha única curva máis aberta.

Tal como indicou o alcalde en funcións, Francisco Candela, con esta obra "dase solución a un punto negro no que había bastantes accidentes e mellórase a seguridade da estrada". Non obstante, anunciou que a Deputación ten un proxecto en marcha "para a o arranxo xeral da estrada entre Santiago e Val do Dubra. En breve agardamos que a Xunta comece co proceso de expropiacións e así dotar a esta vía do ancho e das medidas de seguridade e fluidez necesaria" .

Agárdase que no 2008 poidan comezar as obras, nas que se investirán preto de catro millóns de euros. A actuación sobre esta vía, duns 20 quilómetros, realizarase en dúas fases, que afectarán, respectivamente, aos tramos entre Val do Dubra e Agro do Mestre, e entre Santiago e Agro do Mestre. Así o confirmou o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen se inaugurou a nova ponte con Francisco Candela.

A ponte ten unha lonxitude de 75 metros e un ancho de 11, pasando así a mellorar a curva existente no viaducto, que de de 30 metros de radio pasa agora a 100. A obra complétase cunha barandilla de aceiro galvanizado e cunha barreira de seguridade, así coma o pintado de liña do eixo da estrada e das bandas laterais.

Compartir: