CULTURA

O contratenor José Hernández Pastor e Galicia Brass, no programa desta fin de semana do Via Stellae

20/06/2014 Logo da inauguración da man de Resonet, esta fin de semana continúa a programación da novena edición do Via Stellae. Este sábado 21 poderemos escoitar ao contratenor José Hernández Pastor que, xunto a Manuel Minguillón, arquilaúde, e Calia Álvarez, viola de gamba, estarán ás 20:30 horas en San Fiz de Solovio co programa Il primo gran divo… Baldassare Ferri. O domingo estará Galicia Brass, que presenta Brass Cats… un novo ensemble de metais ás 18:30 horas no Hostal dos Reis Católicos, interpretando obras de Tomasi, Brossé, Gershwin e Hazell. A entrada para o concerto do sábado é con invitación e o prezo da do domingo é de 6 euros. Ambas poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas).

O novo Orfeo, así foi alcumado Baldassare Ferri (Perugia, 1610-1680), a quen ben podemos considerar como o primeiro gran divo da historia da ópera. Motivada polo seu abraiante canto, a raíña Cristina de Suecia suspendeu a guerra con Polonia e fixo traer a este castrato en naves suecas ata a súa corte para poder escoitalo. Neste programa recréase o aspecto íntimo e refinado do canto do primeiro castrado célebre, tan valorado entre a jet set das cortes e círculos privados europeos do século XVII: cancións de cámara máis coñecidas con que adoitaban preparar a voz os cantantes da época antes de cantar unha ópera e arias de ópera de compositores dos que Baldassare Ferri estreou roles principais. Na selección encontramos pezas que reforzan o aspecto máis destacado do canto de Baldassare Ferri poetizado por un cronista da época, Giovanni Bontempi, na súa Historia Musica de 1695: "Os seus labios foron capaces de tranquilizar as mentes e embriagar con doce ambrosía os corazóns". A este divo dedica o seu programa o contratenor José Hernández Pastor.

Presentación de Galicia Brass
Para a súa primeira presentación ao público, Galicia Brass seleccionou unha variada escolla de obras escritas -por un francés, un inglés e un belga- para este conxunto de metais e percusión, ademais dun arranxo para banda de metais da coñecida obra Un americano en París, de Gershwin. A linguaxe utilizada polo francés Henri Tomasi nas súas Fanfarras litúrxicas (1944), obra en catro partes composta para ensemble de metal, timbais e percusión, é sinxela e directa: a "Anunciación" é unha progresión tranquila e solemne e o "Evanxeo" busca ser máis conciso e compacto, antes de que chegue o torrente da "Apocalipse". A última das catro pezas, "Procesión do Venres Santo", pódese interpretar en versión instrumental ou con soprano e coro; a música xorde dun silencio só habitado por percusión, que anuncia a procesión aínda afastada, e a medida que esta se achega, o compositor xoga coa intensidade e o poder rítmico dun ostinato case obsesivo que, ao chegar ao clímax, estala no tema "Dio vin Salve Regina", usado por Tomasi en moitas das súas obras.

O compositor e director Dirk Brossé (1960) escribiu en 1991 Prelude to a New Age, obra orixinal para brass ensemble e percusión, para os reis do seu país, Bélxica. Un americano en París interpretouse por primeira vez o 13 de decembro de 1928 no Carnegie Hall de Nova York baixo a dirección Walter Damrosch. A peza orixinal foi composta para orquestra sinfónica, aínda que co toque jazzsístico tan característico da música de George Gershwin, e Galicia Brass interpreta unha versión de Daniel Guyot para conxunto de metais e percusión. "A suite Brass Cats está baseada en certo xeito nos gatos que comparten casa comigo. Mr. Jums é un machote rubio, desaliñado pero moi cariñoso; Black Sam parece un cantante de Nova Orleans co seu rosmar; Borage, branco e marrón pásase o día correndo por aí, e Kraken, a única femia, é a que domina o cotarro, a pesar de ser a metade que os demais", comentou Chris Hazell cando se publicou a súa obra na editorial Philip Jones.

Via Stellae
O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. O festival celébrase do 20 de xuño ao 13 de xullo contando, nesta edición, cun total de 23 concertos.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, énchese de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

Venda de entradas e prezos
Dos 23 concertos do programa só serán de pago seis cuns prezos de 6 ou 8 euros. O resto será con invitación que haberá que retirar previamente, agás o da praza da Quintana, que será de entrada libre. Ademais, para 5 deses 6 concertos de pago haberá un abono a un prezo de 30 euros. A retirada de invitacións para os concertos de balde e a venda de entradas pode facerse no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, tamén poden mercarse na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443.

Direccións relacionadas



Compartir: