ALCALDÍA

A familia de Carlos Maside cede ao Concello 21 cadros do legado do artista

20/06/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e José Carlos, Josefina, Xulio e Rosa Mª Maside Medina, familiares de Carlos Maside, asinaron un convenio de colaboración para a cesión temporal de obras de arte do legado do artista. Esta colección consta de 21 cadros, que se exhibirán nunha serie de exposicións.

A cesión das obras realízase ao Auditorio de Galicia, encargado da xestión cultural do Concello, e por un prazo de dous anos. Esta cesión permitirá celebrar unha serie de exposicións, a primeira das cales xa está aberta na Fundación Novacaixagalicia. O Auditorio pagará por esta cesión un total de 25.000 euros.

As 21 obras de Carlos Maside cedidas son: Muller sentada (1930), Autorretrato (1937), A res (1948), Dúas paisanas (1946-1948), Mercado (1950), Lavandeiras (1953), Costureira (1945), Tenda (1933), Paisaxe (1931), Cacharreira (1942), Rapaz a xantar (1936), Bodegón con pan (Pementos verdes) (1943), Cesto e froiteiro de cristal (1940), Xardas (1943), Flores e buguina (1945), Retrato de nena (1942-1944), Retrato de neno (1942-1944), Arrolando a moneca (1942-1944), Dúas Nenas (1942-1944), A nena do libro (1942-1944) e Rapaza coa man no peito (1942-1944).

Maside en Compostela
Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre é o título da mostra que permanecerá aberta ata o 31 agosto de 2015 na Fundación Novacaixagalicia (rúa do Vilar, 19). Pode visitarse en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Vén a celebrar que toda a herdanza pictórica que Maside deixou a Galicia se atopa xa en Compostela, o lugar no que o artista viviu e no que dispuxo que a súa obra repousase.

A través de obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores. A figura de Maside supuxo un referente no renacemento pictórico galego, á vez que foi guía para a construción ideolóxica de Galicia, pois el marcaría a liña a seguir no pensamento galeguista da súa xeración e das posteriores.

Documentos relacionados



Compartir: