TURISMO

O concurso Tapéate Compostela celebra a súa última fin de semana

19/06/2014 A organización de Tapéate Compostela agarda un último tirón nesta fin de semana, na que remata o concurso de tapas. O público ten ata o domingo a oportunidade de probar as tapas que ofrecen os trinta locais participantes nesta edición. Todas as tapas teñen un prezo de dous euros. E todas teñen que empregar como base produtos do Mercado de Abastos de Santiago.

Os establecementos participantes divídense en varias rutas. Todas aquelas persoas que proben polo menos cinco tapas dunha das rutas optarán a múltiples premios, como unha viaxe para dúas persoas a casa rural da Bodega Lagar de Costa, unha viaxe para dúas persoas ao Pazo de Baiona, unha viaxe a La Rioja, noites con Spa en Augasta Spa, Caldaria e o Hotel Louxo a Toxa, e diversos lotes de produtos.

Turismo de Santiago colabora co concurso aportando os primeiros premios, tanto do Xurado como do Público. En ambos casos, o premio consiste na participación dos gañadores nas accións de promoción turística que a empresa municipal fará en dous mercados que son oportunidades para a cidade e nos que a gastronomía galega é un forte atractivo: Xapón e Brasil.

O sorteo dos premios para o público realizarase o xoves 26 de xuño no Mercado de Abastos. Os establecementos gañadores do concurso coñeceranse nunha gala que se celebrará o día 30 de xuño no Hostal dos Reis Católicos. Os premios do Xurado serán decididos por profesionais da gastronomía e da restauración, que nestes días están xa probando todas as tapas participantes. O próximo luns coñeceranse as tapas finalistas.

Direccións relacionadas



Compartir: