COMERCIO

O Concello reparte o material de difusión da marca comercial de San Pedro aos comerciantes e hostaleiros do barrio

18/06/2014 Os comercios e establecementos de hostalería do barrio de San Pedro están a recibir nestes días todo o material de difusión da marca comercial desta zona da cidade. Continúa así desenvolvéndose o programa global de dinamización comercial deste barrio. A distribución deste material complementarase coa realización dun vídeo de sensibilización e cunha campaña nas redes sociais.

San Pedro é un dos barrios máis vivos da cidade. A veciñanza e o empresariado conviven nunha contorna dinámica, con multitude de propostas culturais e comerciais que o fan un exemplo para os restantes barrios da cidade. "Dende o Concello de Santiago sabemos da súa importancia para o conxunto de Compostela e apoiámolo e colaboramos, na medida do posible, coas súas propostas e inquedanzas. Ademais, ao abeiro do Urbana Santiago Norte, estamos desenvolvendo un proxecto global de dinamización comercial, complementario das diferentes actividades que leva a cabo o propio barrio", lembra a concelleira de Comercio, Reyes Leis.

En 2013, o Concello organizou "Locais comerciais baleiros: unha oportunidade", un proceso de reflexión no que participaron veciños e veciñas, persoas comerciantes e consumidoras, e no que se apuntou a necesidade de que o barrio contase cunha marca comercial propia como sinal dun espazo singular no que emprender, comprar ou vivir. Partindo deste necesidade e en colaboración coas asociacións veciñais, convocouse un concurso de deseño aberto dirixido á creación da nova marca. As propostas presentadas amosáronse no Museo do Pobo Galego o pasado mes de decembro. Todos e todos puideron escoller a proposta preferida, sendo "A chave do teu barrio" a gañadora.

Carteis, folletos e chapas coa nova marca de San Pedro están sendo repartidos polo barrio nestes días. Así mesmo, estase distribuíndo material promocional como bolsas de agasallo, adhesivos para a personalización das bolsas e para os establecementos hostaleiros, pousavasos, etc. Todo isto co ánimo de que toda a veciñanza contribúa a difundir a nova marca e que os negocios a empreguen nas súas campañas e material promocional. "Confiamos en que con esta ferramenta de marketing, o barrio continúe sendo un exemplo e un foco de dinamismo social e comercial", afirma a concelleira.

Poderá repoñerse material ata esgotar as existencias e, para solicitalo só cómpre poñerse en contacto co Departamento Municipal de Comercio no correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal.

Compartir: