SOSTIBILIDADE

Case 300 persoas participaron nas actividades do CIAC durante o mes de maio

18/06/2014 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) segue a programar diversas actividades ambientais para adultos e escolares. Durante o mes de maio, preto de 300 persoas pasaron por este equipamento municipal para participar nalgunha visita guiada ou nos obradoiros.

Do total de participantes, 266 fixérono directamente nalgunha actividade, ou nas visitas concertadas (184), ou en actividades organizadas polo CIAC (17) ou en actividades externas (72). A estes visitantes hai que sumar as 21 persoas que pasaron polo centro de maneira espontánea no horario de apertura.

Entre as actividades do mes de maio destacou un obradoiro de produtos de limpeza naturais, no que participaron 11 adultos. Tratáronse temas como a problemática dos tóxicos no fogar ou os ingredientes básicos das receitas de produtos de limpeza naturais, elaborouse un limpador de superficies e de louza e compartíronse outras receitas.

Ademais, continuaron as visitas guiadas á exposición permanente do CIAC. En maio participaron os colexios Compañía de María, López Ferreiro e As Fontiñas. Pola súa parte, integrantes da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (Aspanaes) realizaron un roteiro sensorial adaptado pola contorna do Centro apreciando elementos como o muro, as pedras, as plantas ou as flores.

As actividades propias completáronse cun roteiro de ecoloxía urbana polas Brañas do Sar, dirixido a adultos. Os participantes descubriron algúns aspectos do ecosistema fluvial e das brañas, e visitaron a zona de Picaños e a calzada romana de Sar.

O CIAC tamén foi escenario de actividades de entidades externas, como a presentación da Plataforma "O rural pide Xente", o Encontro Socioambiental do GIT Norte, o Curso "Xanela aberta" da Asociación Amarante ou a presentación do proxecto "Cinturón Verde de Santiago".

Direccións relacionadas



Compartir: