DEPORTES

Remata o prazo de inscrición na CorreSan Ruta da Prata - Angrois

17/06/2014 Este mércores 18 de xuño remata o prazo de inscrición na carreira Ruta da Prata – Angrois, a segunda do III Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. A proba celebrarase o sábado 21 e xa conta cuns 600 inscritos.

A deste sábado é a segunda das cinco probas previstas nesta edición do CorreSan, o programa de probas de carreiras organizadas pola Federación Galega de Atletismo e patrocinadas polo Concello de Santiago de Compostela a través do seu Departamento de Deportes. Este circuíto de carreiras saudables enmárcase no labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida dos nosos cidadáns.

Esta carreira, ao igual que todas as do programa, está aberta a atletas de case todas as idades con distancias adaptadas a cada categoría. Haberá un percorrido para escolares das categorías benxamín e alevín, un percorrido para infantil e cadete e outro para adultos a partir da categoría xuvenil. A carreira comezará coas categorías escolares e rematará coa disputa da proba de adultos.

A competición estará baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e empregará o sistema de chip-dorsal, que deberá conservarse durante o transcurso do circuíto para os atletas inscritos nas 5 probas na modalidade de circuíto.

Despois desta proba e da celebrada o pasado 24 de maio no Campus Sur, aínda quedan outras tres carreiras. A seguinte será o 12 de xullo e será a "CorreSan Nocturna Cidade Vella". Logo, o 14 de setembro, celebrarase a "CorreSan Granxa do Xesto-Cronoescalada ao Pedroso", para rematar o 11 de outubro coa "CorreSan Cidades da Cultura". A temporada de carreiras pecharase cunha nova edición da San Silvestre o 31 de decembro.

Direccións relacionadas



Compartir: