EDUCACIÓN

Un simulacro de evacuación renova o Plan de Emerxencia das escolas infantís municipais

17/06/2014 A Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís municipais e o alumnado das mesmas están a realizar de forma coordinada simulacros de evacuación. O obxecto destas probas é a renovación do Plan de Emerxencia das escolas infantís de Conxo e As Fontiñas e a posta en marcha do de Meixonfrío-Salgueiriños.

A Rede Municipal de Escolas Infantís conta xa cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares. A Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños acollerá este ano por primeira vez unha actividade relacionada coa mellora da seguridade dos escolares e profesionais do centro que, cos diferentes traballos previos, conseguen unha formación previa do persoal das escolas.

Os simulacros de evacuación son un instrumento útil para os propios servizos de seguridade para traballar cuestións coma o tacto á hora de trasladar os pequenos, dado que traballan con uniformes e equipamento con pesos entre 16 e 20 quilogramos.

Sobre o traballo cos propios pequenos, no caso dos que andan, cómpre salientar que entre outras habilidades traballase como actuar en situacións de perigo, resultando prioritario que saiban recoñecer os sinais de emerxencia, e que ante estes se agrupen e sigan as ordes da profesora ou profesor, que será quen dirixa na práctica o operativo.

Situación de pequeno incendio
O simulacro consiste na solución dunha situación de pequeno incendio no comedor ou noutra estancia especialmente significativa do equipamento educativo, no que unha persoa ou varias persoas quedarán atrapadas a consecuencia do fume, o que desencadea a actuación dos servizos de seguridade de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil.

Ademais, este tipo de actuacións teñen por obxectivo a aproximación dos servizos de seguridade de Santiago aos composteláns -nomeadamente por tratarse de actuacións programas dende o Departamento de Educación do Concello de Santiago- ás comunidades escolares dos diferentes niveis educativos. É mellor maneira de crear hábitos saudables e de conduta cívica dende as idades máis temperás. Con esta perspectiva, ao remate de cada simulacro de evacuación desenvólvese en cada centro un parque infantil de tráfico dos servizos básicos de seguridade, no que novamente de xeito combinado aproximan medios, vehículos e persoal dos servizos participantes.

Compartir: