MEDIO AMBIENTE

Rapaces composteláns plantarán árbores no Parque Eugenio Granell

06/04/2005 Perto de 150 rapaces de entre 4 e 12 anos de idade participarán na plantación de árbores que terá lugar o xoves 7 de abril, a partir das 10.30 horas no Parque Eugenio Granell, sito no Restollal, con motivo da conmemoración do Día da árbore e do Día Mundial da auga, que tiveron lugar, respectivamente, os pasados 21 e 22 de marzo. Os rapaces pertencen aos Colexios Lamas de Abade e Ramón Cabanilas.

Ao coincidir o Día da árbore e o Día Mundial da Auga coas festividades de Semana Santa, e polo tanto con vacacións nos centros de ensino, o Concello decidiu retrasar a celebración para que os protagonistas poideran ser de novo os rapaces.

Especies axeitadas
No acto, organizado polos departamentos de Parques e Xardíns e Educación, e patrocinado polas empresas concesionarias dos servicios de abastecemento de augas e mantemento de parques e xardíns, Aquagest e CESPASA, respectivamente, procederase á plantación dun total de 276 árbores das seguintes especies.

·Ameneiro (alnus cordata.Loisel)…………….50
·Bidueiro (betula celtibérica. B. Alba. L)……50
·Freixo (fraxinus angustifolia Vahl)………113
·Cereixo silvestre (prunus avium L.)…………38
·Carballo (quercus robur L.)…………………25

Todas estas especies están especialmente axeitadas ao lugar do parque escollido para a súa plantación (detrás do Instituto da Pontepedriña) polo seu carácter de vexetación de ribeira.

No transcurso desta actividade descubriranse unhas placas informativas instaladas no parque e que conterán tanto información sobre o propio parque, dedicado a Eugenio Granell, como datos sobre as especies que poden contemplarse. Tamén se porá en funcionamento unha fonte ornamental que aproveita o caudal dos manantiais da zona.

Ao longo do mércores 6 e durante a xornada do xoves 7 de abril, o Concello distribuirá nos centros de ensino primario e secundario un folleto editado con motivo destas celebracións, no que se recollen as principais características dalgunhas especies arbóreas comúns en Galicia, como o carballo ou o freixo, así como información sobre o ciclo da auga e a necesidade dun compromiso social e colectivo na salvagarda destes recursos fundamentais para garantir o futuro da Humanidade.

Compartir: