CENTROS SOCIOCULTURAIS

Semana de intensa e variada actividade no programa "Vive o verán"

16/06/2014 O programa Vive o verán, promovido pola Concellería de Centros Socioculturais, ofrece esta semana diversas actividades: charlas, saídas, unha ruta en bicicleta, bailes e ata un safari fotográfico.

Este martes 17 de xuño e como preparación da festa de San Xoán, o antropólogo José Manuel Vázquez Varela conducirá unha charla explicativa sobre as tradicións desta celebración. Será no CSC do Ensanche ás 18:30 horas, con entrada libre.

Seguindo con esta festa, o Departamento de Centros Socioculturais lembra que está aberto o prazo de inscrición e aínda hai prazas para participar nas dúas saídas para recoller as herbas de San Xoán, programadas para o luns 23 de xullo ás 10:30 horas (inscricións no CSC do Ensanche) e ás 18:00 horas (inscricións no CSC de Conxo).

Tamén esta semana, o venres 20 de xuño, ás 18:00 horas, nova cita dos Venres en familia, desta vez cun safari fotográfico pola Ruta do Sarela, dirixida a nenos e nenas acompañados de adultos.

E o sábado 21 de xuño, novas sesións de Imos ao baile: no CSC de Conxo ás 17:30 horas e nas parroquias de Villestro, A Gracia, Nemenzo e Marrozos a partir das 22:00 horas, aproximadamente.

Ao día seguinte, domingo 22, os afeccionados á bicicleta de montaña poderán gozar da ruta prevista con saída no CSC das Fontiñas e percorrido polo Sarela (inscrición no CSC das Fontiñas).

Todas as actividades que requiren de inscrición previa teñen aberto xa o prazo para participar. Pode consultarse o programa aquí.

Direccións relacionadas



Compartir: