ALCALDÍA

O Concello homenaxea ao biólogo Luis Iglesias e coloca varias placas no Parque Isidro Parga Pondal

16/06/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu no Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal ao acto de colocación dunha placa en homenaxe ao biólogo Luis Iglesias con motivo da celebración do Día do Científico Galego. Tamén se colocaron dúas placas identificativas no devandito parque, inaugurado en marzo deste ano na antiga hora do hospital de San Roque.

A placa en homenaxe a Luis Iglesias (Teis, 1895- Pontevedra, 1976) colocouse nun dos bancos a carón da estatua representativa do sistema solar existente no Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal. O biólogo, etomólogo e museísta une así o seu nome ao doutros científicos que, dende 2008, mereceron a homenaxe da Real Academia Galega e que contan tamén cunha placa noutros bancos arredor da devandita escultura.

Cómpre lembrar que Santiago ten unha débeda con Luis Iglesias, tamén profesor no seu día da Universidade compostelá, xa que a el se debe a creación do Museo de Historia Natural que leva o seu nome e que, na actualidade, está pendente de abrir a súa nova sede no parque de Vista Alegre. O Museo reúne unha das mellores coleccións de historia natural que existe en España e conta cunha colección de cristalografía excepcional.

Parque Isidro Parga Pondal
O Parque das Ciencias leva tamén o nome de Isidro Parga Pondal (Laxe, 1900 – A Coruña, 1986), destacado xeólogo galego, profesor tamén na Universidade de Santiago, castigado no seu día polos seus vínculos co galeguismo. O seu recordo está agora tamén á entrada deste espazo verde, fronte ao Colexio La Salle, nunha gran placa colocada durante o mesmo acto.

A placa leva unha efixie de Isidro Parga Pondal en relevo e vai situada sobre un pedestal de aceiro. Leva o seguinte texto informativo: "O Concello de Santiago de Compostela dedica este xardín histórico, sito na vella horta do Hospital de San Roque ao preclaro xeólogo Isidro Parga Pondal, fundador do Laboratorio Xeolóxico de Laxe e presidente de Honra da Real Academia Galega das Ciencias". Ademais, indícase que, no Parque "lémbrase nos seus bancos aos persoeiros da ensinanza e da investigación homenaxeados pola Real Academia Galega das Ciencias, con motivo do Día do Científico Galego que, dende o ano 2008, se celebra cada 23 de abril".

Ademais, colocáronse outras dúas placas na base da grande esfera armilar situada no centro do parque e representativa do sistema solar. A primeira, ademais de identificar o parque, lembra que se trata dunha escultura elaborada polo ferreiro Santiago Martínez e polo escultor Óscar Aldonza.

A outra é unha explicación do sistema solar, con datos de cada un dos principais astros que o compoñen. Os escolares que visiten esta escultura poderán recibir así unha auténtica clase de astronomía. Trátase igualmente de recordar que Compostela é o fin dun camiño de estrelas que os peregrinos medievais seguían coa mirada para orientarse no seu percorrido cara a tumba do Apóstolo. De aí que a Vía Láctea tamén sexa chamada Camiño de Santiago.

Compartir: