CULTURA

Comando Katana e Sidecars, novas propostas do ciclo Compostela Rock

13/06/2014 O ciclo Compostela Rock terá dous novos concertos neste mes de xuño, Comando Katana e Sidecars, que se unen aos xa presentados con anterioridade. Así, o martes 17 de xuño estarán os composteláns Comando Katana presentando o seu novo disco, Menos de lo mismo; o sábado 21 de xuño celebrarase, como xa estaba anunciado, a noite de Reggae Galego; e o 26 de xuño Sidecars presentan o seu novo disco, Fuego cruzado. Todos os concertos serán na Sala Capitol.

Comando Katana é un proxecto musical nado no 2003 en Santiago de Compostela que foi madurando e evolucionando, absorbendo e tomando influencias outros estilos coma o reggae, o soul e o dancehall, e combinándoos co rap para dar vida a un son diferente, con identidade de seu e bastante difícil de etiquetar. Estes rapaces son algo máis que unha sinxela agrupación musical: unha familia formada por djs, selectores, produtores, mc’s e amigos que logran crear un espectáculo fresco e directo. Cunha intensa axenda de concertos, dentro e fóra da xeografía galega, compartindo escenario con artistas destacados do panorama nacional levan publicadas dúas referencias de larga duración e un EP.

Comando Katana presenta o seu último traballo, Menos de lo mismo, na Sala Capitol. O primeiro disco grande é un traballo que amosa unha vez máis o seu alto nivel creativo. A banda estará acompañada por Dj Mil, que será o encargado de completar o espectáculo cunha demo de turntablism no que será unha noite cargada de boa música e sorpresas. A entrada para este concerto inclúe unha copia do seu traballo en CD Menos de lo mismo. Pode mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal e en Cultura Urbana a un prezo de 10 euros (incluído o devandito CD).

Boas melodías pop e un coidado traballo de guitarras que bascula entre a mellor tradición do rock americano e a herdanza de Keith Richards. Isto é o novo disco de Sidecars, un traballo que transita por mundos alleos ao indie e aos fenómenos superventas, un álbum honesto que garante excelente saúde para o rock and roll.

Sidecars é unha banda necesaria para o rock ibérico, e cando escoitas o seu novo disco, Fuego cruzado, esa idea confírmase. Juancho (voz e guitarra), Manu (guitarra e coros), Gerbass (baixo) e Ruly (batería) forman un dos poucos grupos que logran conservar viva a chama que acenderon no seu día Tequila e Burning, e que máis tarde mantiveron Los Enemigos, Los Ronaldos, Los Rodríguez e os seguintes na sucesión: Buenas Noches Rose e Pereza. Coa influencia destes nomes e dos Rolling Stones e Tom Petty como guías espirituais, Sidecars arrincan a súa andaina en 2006 no madrileño barrio de Alameda de Osuna, para trazar un camiño propio no que o máis importante son as cancións; estas "son o núcleo de todo", explica Juancho. "Tocamos porque somos fieis ás cancións, elas falan por nós á marxe dos estilos", din.

O grupo publicou o seu primeiro álbum, Sidecars, en 2008, ano en que foi galardoado co Premio de La Noche en Vivo ao mellor grupo revelación e co Premio da Música ao mellor álbum de Rock Alternativo, á vez que sorprendían pola súa potencia en directo sobre os escenarios, onde, dende o principio, mostráronse como unha formación maiúscula, sólida e cunha desenvoltura especial. Xa en 2010 chegaría o seu segundo traballo, Cremalleras, álbum de son inmediato que contou coa colaboración de César Pop aos teclados e coa produción de Leiva.

Compartir: