TURISMO

Produtores audiovisuais de toda España presentan os seus proxectos en Santiago

12/06/2014 A Concellería de Turismo, a través da Santiago Film Comission, colabora coa oitava edición do pitching "I+P Ideas para producir", do Cluster Audiovisual Galego (Clag), celebrado no Auditorio de Galicia. Máis de 80 profesionais do sector audiovisual participan nesta xornada de presentación de proxectos.

"O sector audiovisual é clave para a cultura galega, e formatos coma o pitching do Clúster Audiovisual Galego son útiles para constatar a relevancia da nosa industria do audiovisual". Así o puxo de manifesto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación da 8ª edición do pitching "I+P Ideas para producir", organizada polo Clúster Audiovisual Galego, na que produtores do sector audiovisual de toda España presentan os seus proxectos. O acto tivo lugar no Auditorio de Galicia ante un público formado por produtores nacionais, responsables de canles de televisión públicas e privadas, e axentes de distribuidoras, ademais de diversos representantes institucionais.

Tras a inauguración da xornada, presentáronse durante toda a mañá 15 proxectos audiovisuais (once galegos, catro madrileños e un andaluz). Estes proxectos, que se encontran en distintas fases de desenvolvemento, foron os elixidos polo comité de selección entre as decenas de proxectos inscritos na octava edición do "I+P Ideas para producir". En canto ao formato das obras, presentáronse: seis longametraxes de ficción, unha longametraxe documental e oito formatos diversos de contidos para televisión.

Os responsables de cada traballo tiveron 12 minutos para intentar captar a atención dos directivos de canles de televisión públicas e privadas, de destacados produtores e dos axentes de distribuidoras. Para a tarde estaban previstas no Hotel NH Obradoiro máis dun centenar de reunións one to one, nas que os autores dos proxectos os seus produtores podería detallar os aspectos máis relevantes dos mesmos, en busca de compromisos por parte dos profesionais que culminen na materialización de acordos.

Compartir: