TURISMO

O concurso Tapéate Compostela supera xa as 4.000 tapas consumidas

12/06/2014 Os 30 establecementos participantes na segunda edición do concurso de tapas Tapéate Compostela serviron máis de 4.000 tapas entre o venres 6 de xuño, día no que comezou o evento, e o pasado martes día 10. O valor diferencia de Tapéate Compostela é que todas as tapas do concurso, que se serven a un prezo de dous euros, teñen que ser elaboradas con produtos galegos e de tempada que poidan ser adquiridos na Praza de Abastos de Santiago.

Os establecementos participantes divídense en varias rutas. Todas aquelas persoas que proben polo menos cinco tapas dunha das rutas optarán a múltiples premios, como unha viaxe para dúas persoas a casa rural da Bodega Lagar de Costa, unha viaxe para dúas persoas ao Pazo de Baiona, unha viaxe a La Rioja, noites con Spa en Augasta Spa, Caldaria e o Hotel Louxo A Toxa, e diversos lotes de produtos.

Todas as tapas teñen un prezo de dous euros. Pero, como elemento diferencial, o escandallo da tapa debe ter como máximo un prezo de 1,20 euros, para que todos os establecementos compitan en igualdade de condicións. Así nacen tapas como: Lombos de sardiña en pan de broa e tomate ou Zamburiñas picantes con mousse de pementos de Herbón.

Turismo de Santiago colabora co concurso aportando os primeiros premios, tanto do Xurado como do Público. En ambos casos, o premio consiste na participación dos gañadores nas accións de promoción turística que a empresa municipal fará en dous mercados que son oportunidades para a cidade e nos que a gastronomía galega é un forte atractivo: Xapón e Brasil.

O sorteo dos premios para o público realizarase o xoves 26 de xuño no Mercado de Abastos. Os establecementos gañadores do concurso coñeceranse nunha gala que se celebrará o día 30 de xuño no Hostal dos Reis Católicos. Os premios do Xurado serán decididos por profesionais da gastronomía e da restauración.

Direccións relacionadas



Compartir: