SEGURIDADE CIDADÁ

O luns 16 remata o prazo de solicitude dos permisos para as cacharelas de San Xoán

12/06/2014 O prazo de solicitude dos permisos para as fogueiras de San Xoán rematará o luns 16 ás 14:00 horas. Non se atenderá ningunha solicitude presentada fóra deste prazo.

O modelo de solicitude, así como as normas a cumprir están a dispor dos cidadáns na Oficina de Atención ao Cidadán do Concello (rúa Salvador Allende, Galeras) e nesta páxina web. As cacharelas de particulares, asociacións e colectivos solicitaranse no Rexistro Xeral en horario de 9:00 a 14:00 horas, aínda que os particulares (só eles) poderán facelo tamén a través do correspondente enlace nesta web, operativo ata o remate do prazo de solicitude.

É importante cubrir todos os datos persoais que figuran no modelo así como incluír un teléfono móbil, correo electrónico no caso dos particulares, fotocopia do DNI e un plano, cando se trate de cacharelas en espazos públicos. Nestes espazos só poderán celebrarse aquelas fogueiras solicitadas por colectivos e asociacións, nunca por particulares.

Prohíbense expresamente as cacharelas nas seguintes prazas públicas: Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, Irmán Gómez e San Agustín. Todas as fogueiras celebradas en espazos públicos serán supervisadas previamente pola Policía Local e polos Bombeiros, que inspeccionarán a zona e controlarán que se cumpran os requisitos esixidos en canto ao volume, separación entre árbores e edificios, etc.

Cando haxa máis dunha solicitude para o mesmo espazo público atenderase por rigorosa orde de entrada no rexistro. No que respecta á resposta do Concello, as cacharelas de particulares solicitadas a través da páxina web autorizaranse ou denegaranse vía correo electrónico. As que se fagan na vía pública publicaranse na web municipal a partir do 20 de xuño.

Nestas celebracións é importante lembrar o número dos Bombeiros (080 ou 981 542 444) e da Policía Local (981 542 323). Así mesmo, ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e deberán limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

Límites, prohibicións e horario
En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible non superará os tres metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será seis metros de diámetro e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

En 2013 realizáronse no día de San Xoán 134 cacharelas na zona urbana e 105 no rural.

Direccións relacionadas



Compartir: