CULTURA

Aberto o prazo de recollida de invitacións para os concertos de balde do Via Stellae

11/06/2014 O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia organizan e promoven a novena edición do Festival Via Stellae, un certame esencial no verán compostelán que, a piques de cumprir os seus dez primeiros anos de vida, vén avalado por unha consolidada traxectoria e que sempre contou co respaldo do público e co recoñecemento da prensa especializada. Nesta edición serán un total de 23 concertos que se celebrarán dende o 20 de xuño ata o 15 de xullo. Dos 23 concertos do programa só serán de pago seis, cuns prezos de 6 ou 8 euros. O resto será con invitación, que haberá que retirar previamente, agás o da praza da Quintana, que será de entrada libre.

As invitacións para os concertos de balde poden recollerse a partir deste xoves, 12 de xuño, no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas. As localidades aínda dispoñibles poderán recollerse o día do concerto no mesmo sitio de celebración do mesmo dende unha hora antes do seu comezo. Estas invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio do concerto. A organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas 10 minutos antes do inicio dos concertos con entrada gratuíta. Para os concertos de pago están tamén xa as entradas á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, que estará aberto todos os días (agás os domingos, coa excepción do 29 de xuño e o 13 de xullo) de 18:00 a 21:00 h. Ademais, tamén poden mercarse na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443.

Santiago de Compostela, o seu casco histórico, encherase de música durante máis de tres semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas, capelas e conventos de Santa Clara, Universidade, San Paio de Antealtares, Orde Terceira e San Fiz de Solovio; localizacións singulares como o CGAC e espazos abertos como os patios do Hostal dos Reis Católicos, a praza da Quintana ou o claustro de San Martiño Pinario son os variados escenarios para os seráns musicais do festival. A programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfil e procedencia.

A liña de programación vinculada ao Barroco, á música antiga e á interpretación historicista ponse de manifesto coas actuacións de artistas e agrupacións de prestixio internacional do talle da orquestra barroca belga Il Fondamento, dos violinistas Fabio Biondi, Sergey Malov e Amandine Beyer, da soprano italiana Roberta Invernizzi, do cuarteto vocal norteamericano Anonymous 4, dos contratenores Xavier Sábata e José Hernández Pastor, do pianista Iván Martín, dos conxuntos Al Ayre Español e Accademia del Piacere etc.

Direccións relacionadas



Compartir: