MEDIO RURAL

Charla en Lavacolla sobre a iniciativa Cinturón Verde de Santiago

10/06/2014 Os concelleiros José María Rosende e Luis Meijide participaron nunha charla sobre a iniciativaCinturón Verde de Santiago. Plan de información e divulgación da potencialidade produtiva hortícola no contorno rural, celebrada no Centro Sociocultural Ruta Xacobea, en Lavacolla. Participaron veciños das parroquias de Carballal, Enfesta, Bando e Sabugueira.

Esta acción ten como finalidade impulsar o uso dos recursos agrarios das parroquias rurais do Concello de Santiago de Compostela. Para iso preténdese aproveitar os devanditos recursos e potenciar o emprego entre as persoas con vocación de traballar neste medio ou con dificultades para a súa incorporación noutros eidos laborais.

A Consellería de Traballo e Benestar a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, no marco da iniciativa Rede Eusumo, e o Concello de Santiago organizaron para dar a coñecer a iniciativa unhas xornadas informativas, orientativas e de captación, dirixidas aos veciños de Santiago interesados en cooperativizar a produción e a comercialización de productos hortícolas.

A xornada de Lavacolla dá continuidade á celebrada o xoves 5 no CSC da Gracia, na que participaron as parroquias do Castiñeiriño, Vista Alegre, Conxo, San Caetano e A Gracia. A seguinte charla será o 12 de xuño no CSC Río Sarela, na Peregrina, e está dirixida aos veciños desta parroquia e tamén de Grixoa, Laraño, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. O 17 de xuño, no CSC A Unión (Figueiras), vez para Villestro, Vidán e Figueiras e, o 19 do mesmo mes, cita cos veciños de Aríns, O Eixo e Marrozos no CSC Coto da Nai (Aríns). Finalmente, o 25 de xuño, no CSC Campo do Monte (Nemenzo) impartirase a charla para as parroquias de Marantes, Barciela, Busto, Verdía, Cesar e Nemenzo.

Desta forma, Cinturón Verde de Santiago busca conseguir unha acción colectiva baixo a fórmula cooperativa entre os produtores implicados. O obxectivo é que a comercialización conte coa participación e implicación directa dos agricultores que vaian ser os seus protagonistas, coa finalidade de dar o impulso inicial a todas esas persoas interesadas e con vontade de consolidar unha maior vitalidade para o contorno rural de Santiago.

Compartir: