CULTURA

Máis de 55.000 persoas participaron nun Festiclown cada vez máis internacional

07/08/2006 Máis de 55.000 persoas nos diversos espectáculos e a máis alta valoración de artistas e público falan do éxito da oitava edición do Festiclown, a cuarta que se celebra en Santiago. O evento segue a incrementar cada ano a súa difusión e a consolidarse como un dos mellores festivais do mundo.

A dimensión solidaria do festival é o outro aspecto a destacar, xa que as recadacións estaban destinadas a fins sociais. En total, xuntáronse preto de 10.000 euros, dos cales 1.400 recolléronse na gala dedicada a Palestina, nunha xornada na que o Teatro Principal se quedou pequeno. "A risa é o mellor escudo humano fronte á guerra", apuntou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, nunha rolda de prensa para facer balance do Festiclown". Ademais, destacou coma o evento está xa identificado coa cidade e serve para a promoción da mesma e elemento de atracción".

Ao éxito do Festiclown tamén se referiu o director de Cooperactiva Cultural, Iván Prado, quen recordou que "nunca houbo tantos cheos no Teatro Principal como na edición deste ano". Cara futuras edicións, os organizadores pretenden potenciar aínda máis a dimensión internacional do festival.

Acompañounos na rolda de prensa o artista Pepe Viyuela, quen se encargou de pechar o Festiclown o domingo 6. O actor e pallaso declarouse "feliz" por participar no festival e defendeu que "o humor non pode separarse do compromiso social". Como membro de Pallasos Sen Fronteiras, indicou que o "humor ten que estar ao lado da xente que o necesita". Neste sentido, dedicou un recordo especial aos nenos.

Compartir: