XUNTA DE GOBERNO

O Concello inicia a contratación dos Fogos do Apóstolo por 187.000 euros

06/06/2014 A voceira da Xunta de Goberno, Reyes Leis, deu conta dos asuntos tratados entre os que salienta o inicio do expediente de contratación dos Fogos do Apóstolo e un programa de bolsas para a incorporación de 70 mozos en empresas da zona de Urbana Santiago Norte.

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación dos Fogos do Apóstolo para a noite do 24 de xullo. Este contrato ten por obxecto a organización do tradicional espectáculo pirotécnico que inclúe o deseño, a produción, a montaxe, a realización e a execución do mesmo. O importe de licitación para este ano é de 186.999,99 € e no prego. A voceira Reyes Leis salientou que o prego deste ano deixa máis aberta a parte artística para que as empresas poidan facer as súas propostas.

Tamén nesta sesión aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria de subvencións a empresas privadas para o financiamento de bolsas para o acceso a persoal especializado como vía de mellora da competitividade. É dicir, un programa de bolsas para a incorporación de 70 mozos en empresas da zona de Urbana Santiago Norte.

O plan prevé beneficiar a un total de 60 empresas, e aportará a financiación para incorporar a mozos profesionais, sen custe algún, para as empresas.
Deste xeito, independentemente do sector de actividade (Hostelería, comercio, servizos profesionais,...) a empresa poderá dotarse de persoal que posúa unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou ben un certificado de profesionalidade coa única condición de que sexan persoas novas desempregadas inscritas na oficina de emprego, con idades comprendidas entre 18 e 25 anos inclusive.

Así, as empresas en que se desenvolvan as prácticas, con titulados universitarios recibirán 800 € ao mes, que permitirá aboar ás persoas novas participantes en concepto de bolsa de apoio, 765,94 € ao mes, e a cotización por eles, por importe de 40,56 €, dos que 6,05 € corresponden ao traballador, nos termos regulados no Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro (BOE do 27 de outubro de 2011). E as que contraten persoas novas con titulación de Ciclos de F.P. ou Certificados de Profesionalidade, recibirán 700 € ao mes, que permitirá aboar ás persoas novas participantes, en concepto de bolsa de apoio, 665,94 € ao mes, e a cotización por eles, por importe de 40,56 €, dos que 6,05 € corresponden ao traballador.

A subvención máxima por empresa será de 12.000,00 €. E os períodos da contratación poderán oscilar entre os 3 e os 5 meses. O prazo de solicitude iniciarase, ca inmediata publicación no BOP da Coruña e permanecerá aberto ata o 15 de xullo do 2014

O proxecto "Santiago Norte", esta cofinanciado nun 80% polo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) dentro da Iniciativa Urbana, incluido no Programa Operativo FEDER de Galicia, Eixo 5: Desenvolvemento Sostible Local e Urbana, e ten como obxectivo fundamental a posta en marcha dunha estratexia integral de rexeneración urbana da zona de actuación para equilibrala co resto da cidade. Mellorando a calidade de vida, incrementando as posibilidades de emprego dos residentes, e aumentando as dotacions de servizos públicos.

Outros asuntos
Noutra orde de cousas, aprobouse a solicitude dunha subvención por importe de 99.000 euros á Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia para actividades relacionadas coa promoción da igualdade. En virtude desta axuda poderán facerse as seguintes accións: actividade dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, programa de fomento da conciliación, programa de apoio aos centros de información ás mulleres, contratación persoal de atención psicolóxica, ou a contratación de axente de igualdade.

Na área de Urbanismo, deuse luz verde de forma definitiva ás axudas para vivendas das áreas de rehabilitación integral de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico incluídas na 6ª fase do Convenio entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo, o Ministerio de Fomento e o Concello. O importe das axudas é de 66.300,22 €, ao 50% entre o IGVS e o Mº de Fomento.

Documentos relacionados



Compartir: