CULTURA

O circo trasládase ás rúas de Compostela

07/08/2006 Rematado o Festiclown, continúa o espectáculo nas rúas e prazas de Compostela, convertidas na segunda metade do mes de agosto nun escenario de circo. Chega a terceira edición do Festival d’Gorra, con máis de 100 representacións a cargo de 26 compañías, 21 das cales son galegas.

Do 13 ao 27 de agosto, os veciños e visitantes de Santiago vivirán en contacto moi directo cos artistas do circo, que ofrecerán espectáculos do máis diverso. Precedido do éxito das dúas edicións anteriores, o festival deste ano trae numerosas novidades, tal como anunciaron Antón Coucheiro e Xabier Mera, do colectivo PistaCatro, que se presentaron na rolda de prensa caracterizados de bebés.

Entre as novas actividades desta terceira edición destaca o "Espazo Aéreos", onde tres compañías exhibirán as súas acrobacias no aire. Os espectáculos serán na Alameda, lugar onde tamén estará unha pequena carpa na que, cun auditorio de apenas 30 persoas, se representará "O retrete de Dorian Grey".

Os organizadores salientaron tamén a proxección do documental "A cuarta pista", de Pela del Álamo, o sábado 26, ás 23:00 horas, na Praza das Praterías. A última das novidades é o "Espazo Buff", tamén na Alameda, os días 22 e 23, a partir das 18:00 horas. Todo isto combinado con pasarrúas, cabarés, espazos plásticos e as representacións das 26 compañías.

Novo circo

O Festival d’Gorra naceu no ano 2004 como unha iniciativa dos artistas galegos de PistaCatro para trasladar os espectáculos do chamado novo circo ás rúas de Compostela. Un xeito de achegar a súa arte a todos os cidadáns e visitantes da cidade, de experimentar novas linguaxes e de reivindicar as rúas como espazo de encontro e de creación de cultura.

Segundo din neste colectivo, pasar a gorra é unha maneira de democratizar a cultura. Os artistas ofrecen a súa arte directamente ao público sen intermediarios, e estes valoran economicamente a calidade do espectáculo.

PistaCatro é un colectivo de artistas galegos das máis variadas disciplinas reunidos en torno ao circo e ao cabaré, que traballan e se forman dentro e fóra do noso país coa esperanza de realizar un soño: crear un grande movemento de novo circo en Galicia.

Compartir: