CULTURA

Berrogüetto despídese do seu público de Santiago cun concerto este domingo dentro do ciclo Sons’14

05/06/2014 Este domingo 8 de xuño no Auditorio de Galicia ás 20.30h terá lugar o segundo concerto da xira de despedida de Berrogüetto, Unha luz que non se apaga. Trátase da despedida do grupo co público de Santiago nunha cita enmarcada dentro do ciclo Sons’14. As entradas están á venta no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443 a un prezo de 15 euros (anticipada) e 18 euros o día do concerto. O propio domingo poderán mercarse entradas tamén no Auditorio de Galicia desde as 18.00h. Con este concerto Berrogüetto continúa unha derradeira xira que xa os tivo en Ourense e que os levará a Coruña, Lugo e Vigo durante este mes de xuño.

Tras 18 anos de ininterrompida carreira, Berrogüetto pechan agora o seu historial con cinco concertos únicos e, en todos os sentidos do termo, definitivos; cinco ocasións postremeiras para apreciar as esplendorosas dimensións desta insólita arquitectura emocional. Cinco invitacións á fascinación e ao goce, ao sorriso e ao latexo acelerado, por máis que algún, arriba e abaixo do escenario, quizais loite por reprimir esa bágoa traizoeira da anguria. Será un percorrido cronolóxico inverso, desde o final luminoso do faro até o refulxir daquelas orixes nas madrugadas palpitantes do Café Dublín.

Será, explican eles, unha viaxe de retorno a Ítaca, a esa verde terra soñada da que se converteron en musicais embaixadores. E contarán para iso con polisóns de excepción, todos cantos nalgún momento habitaron o Planeta Berrogüetto: o gaiteiro Fernando Pérez, tan relevante nos inicios; o primeiro violinista da banda, Paco Juncal; as cantareiras que participaron na gravación daquel seminal Navicularia, despois integrantes de Anubía. Tristemente Guadi Galego, non poderá acompañar á banda neste concerto por motivos persoais de saúde que a terán de baixa médica durante uns días.

Sobre Berrogüetto
Berrogüetto mestura a paixón pola música tradicional galega e a experimentación máis contemporánea, estilo que os levou a se converteren nunha das bandas máis importantes da escena world music. O seu primeiro disco, Navicularia, supuxo unha gran revolución dentro da música galega polo seu innovador estilo, onde as melodías tradicionais eran tratadas cunha gran frescura, achegando interesantes harmonizacións modais e contrapuntos. Nomeados no ano 2002 aos premios musicais Grammy Latino na categoría de "Mellor álbum folk", obtiveron premios tanto en Galicia como no resto de España e Europa. Na actualidade Berrogüetto está conformado por:

-Anxo Pintos: zanfona, gaita, saxo soprano, violín e teclado
-Guillerme Fernández: guitarras
-Quico Comesaña: bouzouki, mandolina, arpa
-Santiago Cribeiro: acordeón, teclados
-Isaac Palacín: percusión
-Quim Farinha: violín, niquelarpa
-Xabier Díaz: voz, gaita e percusión

Discografía de Berrogüetto:
-Navicularia (1996)
-Viaxe por Urticaria (1999)
-Hepta (2001)
-10.0 (2006)
-Kosmogonías (2010)
-Berrogüetto O pulso da terra (2011). Libro CD+DVD

Compartir: