CULTURA

Adhírese o persoal do Auditorio de Galicia ao Convenio Colectivo e Acordo Regulador do Concello de Santiago

04/06/2014 Esta mañá o alcalde da cidade e presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Ángel Currás; o director-xerente do organismo, José Víctor Carou; e o delegado sindical dos traballadores do mesmo, Rogelio Fernández, asinaron o acordo de adhesión do persoal do Auditorio de Galicia ao Convenio Colectivo e Acordo Regulador do persoal ao servizo do Concello de Santiago de Compostela. Fixérono a proposta do Consello Reitor do Auditorio que, reunido onte, aprobou a proposta desta adhesión de forma unánime.

O Auditorio de Galicia é un Organismo Autónomo local de carácter administrativo que ten encomendada a actividade da Concellaría de Cultura de Compostela desde abril do 2004. Mediante este acordo, que é unha demanda nos últimos anos dos traballadores do Auditorio de Galicia, queda tamén aprobado que todos os convenios e acordos que con posterioridade se asignen para regular ao persoal do Concello de Santiago se aplicarán de forma automática ao persoal do Auditorio de Galicia. O acordo, que entrará en vigor unha vez publicado no BOP nos vindeiros días, recolle tamén a aceptación do cadro de persoal vixente do Auditorio de Galicia, así como os horarios específicos dos traballadores do Organismo.

Compartir: