CULTURA

A Real Filharmonía de Galicia pecha a súa tempada de concertos coa obra da compositora francesa Louise Farrenc

04/06/2014 A orquestra interpretará tamén a peza para piano máis universal, o Concerto n.º 5 de Beethoven, acompañada do pianista ruso Alexander Melnikov. Hoxe mércores concerto en Vigo e mañá xoves en Santiago, baixo a batuta do director alemán Christoph König

Con estes concertos a RFG pecha a súa tempada de aboamento. A orquestra interpretará Suite do ballet-pantomima "Hércules e Onfalia", do guitarrista e compositor catalán Fernando Sor (1778-1839), coñecido como o "Beethoven da guitarra". Compuxo esta obra en San Petersburgo e estreouse en 1826 nos actos de coroación do tsar Nicolás I. Escrita sobre o mito de Hércules e a estraña relación amorosa coa poderosa Onfalia, o autor expresa as súas ideas musicais combinadas cos gustos da época e a Corte á que estaba dirixida.

O "Emperador" de Beethoven
O público terá a oportunidade de escoitar a peza para piano máis universal, o Concerto para piano n.º 5 "Emperador" de Beethoven. Aínda Que vió interrompida a súa composición pola guerra (as tropas napoleónicas comezaban a ocupación de Viena), pertence á época na que o xenial compositor padecía unha crise na súa crecente xordeira, provocándoo unha gran vida interior cun incrible mundo sonoro que exteriorizaba en obras como este concerto.

Os músicos estarán acompañados polo pianista ruso Alexander Melnikov. É o maior expoñente actual da técnica clásica rusa. En 2010 recibiu o premio "Choc de Classica" á mellor gravación do ano polos 24 Preludios e Fugas de Shostakovich. No mesmo ano a súa gravación completa das sonatas de Beethoven para violín e piano gañou o BOTO Klassik" alemán e o "Gramophone", sendo nominada tamén aos "Premios Grammy". Como solista toca nas mellores salas de concerto de todo o mundo e colaborou coas orquestras máis prestixiosas. A Radio de Baviera destacou del: "A súa forma de tocar é refinada sempre, pero firmemente comprometida".

Unha gran compositora
A orquestra concluirá estes concertos coa Sinfonía n.º 2 da compositora francesa Louise Farrenc (1804-1875), que escribiu en homenaxe á "segunda" de Beethoven. Foi unha reputada compositora capaz de estrear case todas as súas obras. E foi ademais unha prestixiosa pianista docente durante 30 anos no Conservatorio de París, onde foi a única muller que ocupou unha cátedra permanente no século XIX. A súa música foi eloxiada por Schumann e Berlioz e ela premiada en dúas ocasións pola Academia de Belas Artes de Francia pola súa contribución á música de cámara.

Compuxo as súas tres sinfonías nun momento no que a ópera estaba de moda, de forma que non alcanzaron o éxito que deberan. En desacordo cos gustos burgueses parisienses sobre a ópera e a música de salón, a compositora perseguiu os ideais da música alemá, exemplificada por Beethoven. Así, a composición das súas sinfonías foi todo un logro, pois venceu a antipatía que a sociedade lle mostraba por ser unha muller.

Os asistentes ao concerto de Santiago poderán manter unha charla previa co director Christoph König e co pianista Alexander Melnikov
Antes da celebración do concerto, o director Christoph König e o pianista Alexander Melnikov manterán un encontro cos asistentes á reunión. Será ás 20:00 horas na Sala Mozart del Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia "CONvers@ndo con", que promove a RFG antes de cada actuación, coa finalidade de achegar a música ao público dun modo informal e distendido. Os interesados poderán participar nesta charla presentando a entrada do concerto.

Compartir: