NORMAILIZACÓN LINGÜÍSTICA

O concurso de vídeo-creación para centros de ensino xa ten os seus gañadores

04/06/2014 Rematado o prazo de votación para o premio do público, a Concellería de Normalización Lingüística anuncia os premiados no concurso de vídeos convocado esta primavera para promover o uso da lingua galega desde os centros escolares.

As bases da convocatoria prevían catro categorías para a súa selección por parte dun xurado, que estivo formado por especialistas en lingua e no audiovisual e contou coa participación do representante comarcal da Coordindora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística. Ademais, durante aproximadamente dúas semanas, estivo aberto un evento no facebook para recoller as valoracións que outorgarían o premio do público.

Como resultado de todo este proceso, os premios, cunha contía de 400 euros corresponden a:

-Premio infantil: CEIP A Doblada de Vigo, polo traballo "En galego meu mundo é"
-Premio primaria: CEIP López Ferreiro de Santiago, polo traballo "Consulta médica"
-Premio secundaria obrigatoria: IES As Barxas de Moaña, polo traballo "A árbore (A muller lamprea IV)"
-Premio secundaria postobrigatoria: IES As Barxas de Moaña, polo traballo "Pocoyo? (I)"
-Premio do público: CEIP A Doblada de Vigo, polo traballo "En galego meu mundo é"

A Concellería de Normalización Lingüística manifesta a súa satisfacción pola boa acollida desta primeira convocatoria, á que se enviaron un total de 17 traballos, polo contido dos vídeos que demostran o importante esforzo que se realiza desde os centros de ensino, tanto desde o punto de vista pedagóxico como da promoción do idioma, e tamén pola contribución deste premio á difusión de todo este traballo e dos seus resultados, tendo en conta que algunhas das creacións superaron as 1.500 visualizacións contabilizadas.

Compartir: